Restablecido o funcionamento da estación de bombeo de Monte Porreiro

1
  • O incendio nun cadro eléctrico do pasado venres non afectou ao subministro de Pontevedra nin do resto de Concellos da ría

A concelleira responsable da xestión do Ciclo da Auga, Carme da Silva explicou esta mañá que durante a xornada de onte xa quedou restablecido o funcionamento da estación de bombeo de Monte Porreiro. 

Durante a xornada do sábado, a empresa concesonaria do Servizo de Augas, Viaqua procedeu á revisión e inspección de toda a instalación tras o incendio sufrido a última hora do venres nun dos cadros eléctricos, e que foi controlado e sufocado sen que afectase a ningún elemento máis desta instalación. En todo caso, segundo informou Carme da Silva en ningún momento este incidente afectou ao subministro de auga nin de Pontevedra nin do reso dos concellos da ría.

Na xornada do domingo, Viaqua restableceu o servizo das bombas de captación que quedaran inutilizadas tras o incendio, de xeito que o subminsitro xa volve facerse desde o río Lérez. Desde última hora do venres o abastacemento fíxose desde o embalse do Pontillón, mais foi tan só dunha medida provisional mentres se realizaban as tarefas de inspección das instalacións e os traballos para restablecer o seu normal funcionamento.

A día de hoxe, e segundo datos achegados pola concelleira, o caudal do río é máis elevado respecto a outros anos por estas datas, cun caudal de 4,7 m3/s, mentres que no 2019 era de 1,68 m3/s.