A SD Teucro apela a un “sentimento” que implica moito ‘Máis que balonmán’ na súa campaña de captación de socios para a tempada 2020/2021

121
  • O club pontevedrés alude aos valores de esforzo, loita, constancia, compañeirismo e entrega que o identificaron durante estes 75 anos de vida. Os socios aboarán a cifra simbólica de 75 euros
  • O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, insta aos pontevedreses a que apoien ao vicedecano do balonmán “na súa competición máis dura, a que leva a cabo fóra das pistas por sobrevivir”
  • A xunta xestora agarda “superar a cifra do ano pasado, acadando os 800 ou 900 socios”. A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, anima á cidadanía “a seren tamén solidaria co club azul”

“Facerse socio da Sociedade Deportiva Teucro é algo que transcende ao feito de ver partidos de balonmán. É un sentimento”. Deste xeito sintetizaba hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o espírito da campaña de captación de socios posta en marcha polo equipo pontevedrés para a tempada 2020/2021. Baixo o lema ‘Máis que balonmán’, a campaña, presentada no Concello nunha rolda de prensa que contou coa presenza da concelleira de Turismo, Yoya Blanco; da responsable de Comunicación e Marketing do club, Laura del Castillo, e de membros da xunta xestora do club (con Carlos García-Alén á cabeza), pretende chegar aos afeccionados dun xeito diferente, botando a vista atrás e apostando polos valores que identificaron ao club durante estes 75 anos de vida.

Uns principios entre os que se atopan o esforzo, a loita, a constancia, o compañeirismo e a entrega e que, nestes momentos de incerteza, fan que a SD Teucro lle teña moito que ofrecer á sociedade e á cidade de Pontevedra. Tal e como subliñou na comparecencia Laura del Castillo, “ser do Teucro é un sentimento de pertenza a unha familia” e a un equipo que apoia dende sempre a estrutura de base, dando cobertura a un amplo abano de idades e de ámbolos sexos (hai dous carteis promocionais diferentes, protagonizados polos equipos masculino e feminino).

“Baixamos os prezos a unha contía que nos parece moi razoable e que este ano tan especial, do noso 75 aniversario, ten un significado simbólico: os socios sénior deben pagar unha cuota de 75 euros. O prezo para os socios infantís é de 10 euros, o de xuvenís de 25, o bonificado de 50 e o familiar de 150. É difícil facer previsións nestas circunstancias, pero estaría ben superar o número de socios do ano pasado e chegar aos 800 ou 900 asociados”, sinalou a responsable de Comunicación.

“Cando a afección responde, o Teucro é un equipo case imparable”

Tino Fernández lembrou que o Teucro “é un referente en Pontevedra e a nivel nacional, xa que os seus 75 anos de vida o converten no vicedecano do noso balonmán”. Segundo indicou, como outros clubs da cidade, está a atravesar “unha tempada que se presenta complicada, non só no ámbito deportivo, senón tamén pola situación de pandemia”, o que fai que precise máis que nunca “o apoio dos que aman o balonmán e o deporte”. “A SD Teucro vén librando dous tipos de competición: unha nas pistas, case tódolos anos con bos resultados, e outra máis dura, fóra das pistas, que é a competición por sobrevivir”, afirmou o tenente de alcalde.

En opinión de Fernández, “o mérito deste club é precisamente que estean aí, con resultados fantásticos e ás veces inesperados, con esta situación económica tan difícil”, polo que “agora que están a piques de superar esta fase, sería unha mágoa que este equipo senlleiro non puidese seguir loitando”. “Cando a afección responde -asegurou o edil socialista- o Teucro é un equipo case imparable, e 75 euros é un prezo máis que razoable para ver xogar a un equipo como este”.

Nesta mesma liña, a súa compañeira Yoya Blanco, que colabora co patrocinio do club a través de Visit Pontevedra, salientou que o Teucro “leva o nome de Pontevedra por toda España” e animou á cidadanía a que “amose tamén a súa solidariedade cos nosos equipos deportivos”. “Somos máis azuis que nunca”, engadiu a concelleira de Turismo.