- Asume o custe “por responsabilidade co ensino público pero esixiremos á Xunta de Galicia o seu financiamento”.
- Ultima os detalles deste novo servizo, co último protocolo da Xunta que se dará a coñecer hoxe.
O Goberno Local tomou esta mañá a decisión de asumir o custe das desinfeccións dos centros de ensino (infantil e primaria) do concello “por responsabilidade co ensino público, pero esixiremos á Xunta de Galicia o seu financiamento”, segundo indicou a concelleira Carme da Silva.
Carme da Silva deixou moi claro que a competencia municipal é a limpeza dos centros de ensino, non a súa desinfección que é unha cuestión sanitaria e depende directamente da Xunta de Galicia. Pero ante a inminencia do inicio do curso escolar, o Concello acordou levar adiante esas desinfeccións para que todos os cativos e cativas de Pontevedra se poidan incorporar ás aulas este xoves, 10 de setembro, con totais garantías.
O departamento de Xestión de residuos, que dirixe Raimundo González, ultima nestes días na adaptación do protocolo actual aos 20 centros de ensino. “Un protocolo que cambia cada pouco. Xa tiñamos feita a adaptación e o custe económico para o protocolo de xullo pero estamos adaptándoo ao actual. A Xunta dixo que sairía un novo hoxe mesmo”, explicou Carme da Silva.
A concelleira lembra que a Xunta de Galicia recibiu do Goberno do Estado 2.000 millóns de euros para asumir os custes de educación derivados da Covid-19 e nos que terían que estar incluídos os custes de desinfección de todos os centros.