Medio Natural pon a punto a vella pasarela de 12 Novembro de cara a materializar a creación dun novo parque con áreas de descanso e lecer

52
  • O concelleiro Iván Puentes asegura que o proxecto contempla a conexión da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet coa zona dos Xulgados e o tratamento paisaxístico das medianeiras dos edificios

Unha brigada de catro operarios iniciou esta semana, coa axuda dun tractor con desbrozadora de martelo, para limpar, acondicionar e eliminar herbas da Pampa e outras plantas invasoras da vella pasarela da Rúa 12 de Novembro, entre a Rúa da Estrada e a Rúa das Hortas. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, agarda que esta actuación, executada cun orzamento de 2.000 euros, “se converta na antesala do ansiado proxecto que permitirá abrir esta parcela duns 5.500 metros cadrados ao uso público e dotar a zona Leste da cidade dun gran parque con áreas de lecer e descanso”, dando continuidade así á zona recreativa existente na Rúa José Adrio Barreiro.

O edil socialista lembra, en paralelo aos traballos de limpeza e desbroce de invasoras, o Concello está a deseñar unha proposta “que incluirá o tratamento paisaxístico das medianeiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet, mediante unha barreira vexetal, e a conexión desta praza coa zona dos Xulgados e con 12 de Novembro a través da Rúa das Hortas”. “O Servizo de Parques e Xardíns investiu 40.000 euros en crear un parque absolutamente renovado en Santa Teresa de Jesús e a principal demanda dos veciños pasa por darlle unha saída cara o novo edificio xudicial e o futuro parque da pasarela”, explica Puentes.

Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o proxecto plantexa a mellora do tránsito peonil e a accesibilidade en 12 de Novembro, “que carece nestes momentos de beirarrúas, o que obriga a cruzar e empregar o outro lado da estrada ata pasar a glorieta das rúas Teixoeira e das Hortas, practicamente á altura de Camiño de Ferro, para ir á estación de trens ou aos Xulgados (habería que cruzar novamente ao chegar a este punto)”. Ademais de permeabilizar Santa Teresa de Jesús e Francisco Tomás y Valiente, o plan municipal, que Iván Puentes agarda que estea en marcha a principios do vindeiro ano, incluirá a xeración de zonas de céspede e vexetación arbustiva “cos parámetros de máxima calidade urbanística” e un espazo de lecer con xogos populares e unha composición paisaxística de árbores para obter confortables zonas de sombra e descanso.