Pontevedra retoma servizos do Estado de alarma ante o rebrote da pandemia no concello

198
  • O alcalde critica o escurantismo informativo do Complexo Hospitalario que obrigou ao Goberno Local a adoptar medidas sen ter datos oficiais sobre a evolución da Covid no concello.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presidiu esta mañá o Comité de seguimento da Covid-19 en Pontevedra para estudar as repercusións que ten na actividade municipal a orde da Xunta de Galicia de onte na que inclúe a Pontevedra, dende hoxe mesmo, nunha área de especial seguimento da pandemia.

Na reunión acordouse facer un seguimento da situación e ir adoptando decisións en función da evolución da pandemia na cidade. “Imos cumprir as medidas estrictamente”, explicou Fernández Lores quen adiantou que continúa operativo o servizo de recollida de lixo a doentes; volverase a activar o servizo de atención a persoas maiores e vulnerables para realizar xestións ou a compra; redobraranse esforzos na Policía Local no control das medidas de seguridade na rúa e nos espazos pechados. Tamén se acordou a suspensión de eventos de inminente celebración como o Pont Up Store ou o Festival das Núbebes (que implica o traslado  a Pontevedra de moitas persoas de diferentes puntos de Galiza), e no aire están outros eventos sobre os que se irán tomando decisións cando se aproxime a súa celebración.

Fernández Lores tamén explicou que onte lle foi notificado por parte do xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra que o Concello entraba nesta situación de alerta “porque tiña incrementado moito a incidencia de positivos”. De feito, explicou que nos últimos 3 días se tiñan rexistrado 40 na cidade. “Isto implica que a transmisión é superior ao 1,5% e é necesario adoptar estas medidas”, explicou o alcalde quen aclarou que o Sergas supervisará esta medida de semana en semana.

Ate onte o Concello non dispoñía de máis información que o que publicaban os medios de comunicación da cidade, segundo explicou Fernández Lores, “e fomos tomando decisións sen ter información directa”. Referiuse á celebración das festas, á suspensión da Feira Franca ou, incluso, a manter pechados os centros sociais, entre outras moitas cuestións destes últimos seis meses.

“A información oficial era que non había brotes, e de repente temos transmisión comunitaria”, indicaba molesto Fernández Lores quen asegurou que “non hai lealdade entre o Sergas e a administración local”. Tamén afirmou que “a área sanitaria de Pontevedra é a que menos información ofrece”.

Finalmente, o alcalde fixo un chamamento á responsabilidade de todos os pontevedreses e pontevedresas “para que se tomen en serio isto e poidamos volver á normalidade canto antes”.