Bo ritmo de execución do novo acceso a Monte Porreiro que poderá estar rematado en febreiro

48
  • Xa está aberto todo o trazado e pendente de resolver a reposición dos servizos de telefonía e eléctrico.
  • O alcalde destaca na visita á obra que é un cambio substancial na mobilidade do barrio de Monte Porreiro e dos Campos.

A vía de acceso ao barrio de Monte Porreiro, dende a antiga Tafisa e a través dos Campos, na parroquia de Mourente, estará operativa a primeiros de 2021. O alcalde fixo esta mañá unha revisión do proxecto acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, técnicos municipais e responsables da empresa construtora, Construcciones Ramírez. Puido comprobar que os labores avanzan a bo ritmo, de tal xeito que a vía podería estar rematada antes de febreiro.

O alcalde explicou que neste momento existen complicacións ao respecto da reposición de servizos de telefonía e de electricidade, pendentes de autorizar polo propio Concello, pero xa está aberto todo o trazado da estrada dende Tafisa até os Campos.

Recordou que esta nova conexión supón un campo substancial na mobilidade a motor e peonil da cidade, ofrecendo unha alternativa máis ao barrio de Monte Porreiro, que se vén a sumar á Ponte das Palabras.

Acceso a Monte Porreiro

Esta nova estrada, de 605 metros, terá dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros, e incluirá os parámetros de calmado de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do modelo Pontevedra. 

A execución deste proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Deputación mediante o cal o organismo provincial se ocupou da expropiación dos terreos e o Concello asume o compromiso da execución da obra. Así, o orzamento do vial ascende a 1.137.280,50 euros, mentres que se se lle suman as expropiacións o orzamento total sitúase en 1.576.674 euros. 

Convén lembrar, ademais, que estas obras contemplan unha intervención integral na zona dos Campos, que implica a reordenación de toda a área para mudar o actual tratamento de cruzamento nunha zona con carácter de praza pública.