Benestar Social e Afapo renovan a súa colaboración para loitar contra o Alzhéimer e outras demencias

21
  • Tino Fernández levará o luns a Xunta de Goberno o convenio anual mediante o que se lle outorgará ao colectivo unha subvención de 6.000 euros para desenvolver talleres de estimulación cognitiva

O tenente de alcalde, Tino Fernández, levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o convenio anual que permitirá formalizar a colaboración da Concellería de Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Pontevedra (Afapo). O acordo que será asinado co presidente do colectivo, José Manuel Fontenla, traducirase nunha subvención municipal de 6.000 euros para os talleres de prevención cos que Afapo fomenta a estimulación cognitiva das persoas con este tipo de doenzas.

Tal e como sinala o voceiro do Grupo Socialista, “no contexto dunha sociedade na que aparecen novas patoloxías vencelladas a enfermidades neurodexenerativas, en Pontevedra e a súa área de influencia existe un importante número de persoas con demencias e Alzhéimer”, polo que “dende o Concello considérase necesario apoiar o traballo que Afapo está a realizar para contribuír a cubrir as súas necesidades e facilitar a prestación de servizos especializados que melloren as súas condicións e calidade de vida”.

Afapo é recoñecida pola súa actividade na cidade de Pontevedra dende a súa creación, o 19 de febreiro de 2004. Nestes momentos conta, ademais de coas instalacións do seu centro terapéutico, cun centro de día situado no Gorgullón, nun inmoble que o Concello lle cedeu á Xunta (cesión ratificada en sesión plenaria o 22 de febreiro de 2008) por un período de 15 anos coa finalidade de adicalo á atención especializada a persoas enfermas de Alzhéimer e outras demencias. O colectivo, que conta na actualidade con máis de 300 socios, leva a cabo xestión deste centro dende 2012.

No ano 2019, a Concellería de Benestar Social subscribiu un convenio de colaboración para financiar un programa de actividades vinculadas ás persoas con Alzhéimer e outras demencias cuxos resultados foron avaliados de xeito satisfactorio. Segundo explica Tino Fernández, “con este programa preténdese mellorar, ou no seu caso manter, o nivel psicofísico das persoas afectadas, que para beneficiarse do mesmo non poderán ter recoñecido o dereito ao uso do centro de día pola carteira de servizos para persoas dependentes, nin ter establecida ningunha outra incompatibilidade do servizo con outra administración”.

‘Creando e Activándote’

Baixo o programa ‘Creando e Activándote’, Afapo desenvolve unha metodoloxía de traballo mediante a arteterapia e a estimulación cognitiva das persoas que se atopan cun nivel de doenza leve ou leve-moderado, en grupos de traballo compostos por 15 persoas. Tras unha valoración e diagnóstico, os profesionais da Asociación ofrecen unha terapia individualizada a cada persoa coa finalidade de mellorar a súas habilidades e capacidades de interacción co contorno, empregando entre outras ferramentas a psicomotricidade e o exercicio físico e mental.

Para dar cumprimento ao obxecto do convenio co Concello, Afapo comprométese tamén a proporcionar apoio emocional aos familiares dos asistentes aos obradoiros, impartindo coñecementos prácticos en relación a atención e coidados dos enfermos co estas doenzas. “Asemade, o Servizo de Benestar Social -subliña o tenente de alcalde- poderá derivarlle enfermos e familiares e Afapo deberá prestarlles o servizo de xeito gratuíto aos usuarios do Concello”.

As actividades serán impartidas por técnicos especialistas na materia, dispoñendo a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer no seu centro terapéutico (sito no número 3 da rúa Curtidoira) de psicóloga, traballadora social, terapeuta ocupacional e auxiliares de Enfermería. Os talleres teñen como principais obxectivos potenciar as capacidades creativas e as emocións, manter as capacidades e habilidades cognitivas ou evitar o seu deterioro progresivo, mellorar a atención e coordinación visio-motora, maximizar a capacidade motriz das persoas usuarias, facilitar a aprendizaxe de novas habilidades creativas, culturais e sociais, establecer novos roles e fomentar as relacións interpersoais.