Catro persoas dadas de alta no servizo de recollida de lixo de doentes de Covid

175
  • Ante a existencia de máis afectados e a falta de concreción do Sergas, o Concello fai un chamamento á poboación para que os doentes se poñan en contacto coa Policía Local e poidan facer uso deste servizo gratuíto.

O Concello de Pontevedra volve a solicitar a colaboración cidadá para informar de que segue activo o servizo de recollida de lixo para persoas doentes de Covid que teñen que estar illadas nos seus domicilios. Todos aqueles afectados que teñan necesidade de empregar este servizo, totalmente de balde, teñen que poñerse en contacto coa Policía Local de Pontevedra.

Segundo explicou esta mañá a concelleira Carme da Silva, só 4 persoas están a facer uso do servizo neste momento “cando as cifras nos din que hai moitas máis persoas infectadas”.

Dado que a Xunta de Galicia non ofrece información sobre a localización dos doentes, o Concello fai un chamamento a toda a poboación para informarlle da existencia deste servizo porque é unha obriga legal que o lixo dos enfermos de coronavirus se trate de xeito separado ao do resto da poboación.

Tamén recordou que seguen operativos os Servizos Sociais municipais para atender todas as demandas derivadas da Covid por parte dos veciños e veciñas.

Denuncias contra a normativa Covid

A Policía Local tramitou dúas denuncias a establecementos de ocio de Pontevedra. Un foi dun local de ocio nocturno que coa nova normativa da Xunta ten que estar pechado pero si pode abrir a terraza. Este local estaba aberto, con persoas dentro, música e incumprindo, claramente, a normativa.

O segundo establecemento foi un dos bares da praia fluvial de Ponte Sampaio ao que lle foi clausurado un aparato de música, e denunciado por celebrar unha festa á que asistían arredor de 200 persoas sen cumprir a normativa Covid.

Xunta de Goberno Local

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a prórroga dos dous contratos de mantemento dos centros de ensino de Pontevedra. Son dous contratos adxudicados por tres anos máis a posibilidade de prorrogalo un máis, e así se acordou esta mañá. No lote 1, que fai referencia aos centros da zona norte, a prórroga por un ano é de 100.000 euros á empresa Acevi; no lote 2, que fai referencia á zona sur, son outros 100.000 euros de prórroga para a empresa CPD Construcciones.

Tamén acordou a Xunta de Goberno a sinatura do convenio coa Asociación Afapo para o ano 2020 por valor de 6.000 euros, para programar actividades coas familias e enfermos e facilitar a súa integración social.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a adxudicación definitiva da concesión demanial, por 65 anos, do Estacionamento central Veteris, cun canon anual de 26.700 euros. Nesta semana está prevista a sinatura do contrato e dar por rematada a parte administrativa.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou o contrato de emerxencia para a desinfección extraordinaria dos centros de ensino en horario lectivo. Atenderase a 20 CEIP máis á Escola infantil da Parda. O contrato ascende a 300.000 euros.