Valencia concede a Pontevedra o premio de boas prácticas no marco da Semana Europea da Mobilidade

31
  • Do 14 ao 22, o Concello organiza campañas de rúa e participará en eventos para a fomentar a mobilidade amábel, con motivo da SEM.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores vén de ser informado de que o Concello acaba de recibir o premio de boas prácticas concedido pola Generalitat Valenciana, a través do Consell d’Agricultura, Desenvolupamen Rural, Emergència Climàtica i Transició Ecològica, no marco da Semana Europea de Mobilidade (SEM). O alcalde informou do galardón no transcurso da presentación de toda a programación que o Concello está preparando para celebrar a Semana Europea da Mobilidade, unha cita anual á que Pontevedra decide sumarse este ano para sensibilizar sobre as consecuencias negativas do uso do vehículo na cidade, e co obxectivo de profundar na marca Efecto PO2 que puxo en marcha a Concellaría de Promoción da Cidade neste último ano.

Aínda que a semana empeza oficialmente este mércores, 16 de setembro e remata o día 22, o Concello iniciou hoxe as primeiras accións incluídas dentro dunha programación de actos que van dende accións de rúas até conferencias.

O alcalde comezou a mañá atendendo á Tarragona Radio, xa que quería coñecer a experiencia de Pontevedra con motivo de que hoxe ponse en marcha a cidade 30 en Tarragona. “Animeinos a que sigan por esta senda”, explicou Fernández Lores.

Ás 10.30 horas e como tamén como presidente das Cidades que camiñan, mantivo un encontro con responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para dar achegas á futura Lei de Mobilidade sostible e transporte público que tramita o Goberno. A cidade 30, a velocidade 10, a financiamento, o cambio climático, a violencia viaria ou o cambio da ocupación do espazo público (que os peóns ocupen o 70% e os vehículos o 30%) foron algunhas das achegas da reunión.

No marco da Semana Europea da Mobilidade, o Concello únese dende hoxe mesmo á campaña das Cidades que Camiñan “O teu vehículo cero emisións”, revalorizando ao zapato como medio de transporte e unha clara aposta polo comercio local.

Dentro destas actividades tamén se inclúe a participación do concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera na xornada “Por unha mobilidade sen emisións” organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, prevista par o 17 de setembro.

Ao día seguinte, a programación inclúe unha intervención de rúa, en Gutiérrez Mellado, que pretende amosar o espazo gañado aos peóns nunha rúa, anteriormente, ateigada de vehículos.

O sábado, 19 de setembro presentarase o documental “A cidade que soñamos” de Ecoloxistas en acción e gravado en Pontevedra. A súa emisión será on-line.

O 22 de setembro os directores xerais do Concello (Alcaldía e Urbanismo: Xosé Manuel Tato; Infraestruturas e obras: Jesús Gómez; e seguridade cidadá: Daniel Macenlle) participan no encontro virtual da Fundación Maphre para presentar o informe “Horizonte C3: Cidades case cero” do que forma parte Pontevedra.

Pendente de confirmar data, pero nestes días Pontevedra participará nunha xornada organizada pola Deputación de Xaén para a promoción da mobilidade sostible nas contornas dos centros de ensino.

COMPARTIR