Nace o programa Saúde na Rúa para ‘reiniciar’ a actividade física en diversos barrios e parroquias e combater o sedentarismo en tempos de pandemia

225
  • A iniciativa promovida polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ten un carácter inclusivo, “para tódalas condicións físicas e grupos de idade”, e dará comezo este sábado 19 en Estribela
  • Está previsto que a actividade, organizada en colaboración co colectivo Fai Deporte, se desprace en vindeiras fins de semana a Monte Porreiro, Ponte Sampaio e Santa María de Xeve

Fomentar a ‘reactivación’ da actividade física ao aire libre nos barrios e parroquias de Pontevedra e combater a ameaza do sedentarismo nestes tempos de pandemia son os principais obxectivos do programa municipal Saúde na Rúa, promovido pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde en colaboración co colectivo Fai Deporte. A iniciativa do tenente de alcalde, Tino Fernández, está pensada para que cidadáns de tódolos grupos de idade e estados de forma “retomen o gusto pola práctica deportiva e sexan conscientes da súa vital importancia á hora de manter unha saúde forte na actual situación”, e dará comezo este sábado 19 de setembro na pista deportiva da Praza Marqués de Valterra (en Estribela), en horario de 17:30 a 20:00 horas, “en grupos moi reducidos e mantendo os máis estritos protocolos de seguridade”.

Tal e como explica o edil de Deportes, o proxecto nace “con vocación de continuidade”, estando prevista inicialmente unha programación de catro fins de semana: tras Estribela, tocaralles a quenda ao barrio de Monte Porreiro e ás parroquias de Ponte Sampaio e Santa María de Xeve. “Se a cousa funciona e a xente se anima -avanza- seguiremos levando o plan Saúde na Rúa por outros lugares do municipio. Para participar será necesario realizar inscrición previa a través do teléfono 672 63 23 60 ou da dirección de correo electrónico ‘saudenarua20@gmail.com”.

O concelleiro socialista sinala que o programa Saúde na Rúa “ten un carácter inclusivo, está pensado para que poida participar todo o mundo”, desenvolvendo “unha actividade física moi básica e sinxela acompañada por música e que integrará disciplinas como a ximnasia de mantemento, o pilates, a zumba ou o aeróbic”. Segundo aclara, “a idea é ir retomando pouco a pouco a actividade física, que a xente que se apunte poida probar un pouco de todo e realizar un deporte saudable, sen que as limitacións físicas de estar sen facer exercicio durante moito tempo impidan a súa participación”.

Aínda que o programa Saúde na Rúa estaba pensado inicialmente para grupos de 25 persoas, a situación sanitaria obrigará a aplicar maiores restricións, “celebrando dúas ou tres aulas de entre 30 e 40 minutos e grupos de 10 participantes (a duración estará en función da xente que se inscriba)”. “As medidas de seguridade serán máximas -asegura o tenente de alcalde-, con xel hidroalcólico, tomas de temperatura e mantemento da distancia de seguridade”.