O Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade de Pontevedra atendeu a 33 usuarios nos seus primeiros seis meses de funcionamento

28
  • Yoya Blanco subliña que o 33% das consultas debéronse á necesidade de orientación persoal sobre identidade, consellos para saír do armario, tratamentos hormonais ou cuestións xurídicas
  • A coordinadora do CIDES, Ada Otero, destaca o éxito do servizo de ‘Lectora Sensible’, que aglutinou un 24% das demandas e que incluíu a revisión de traballos de fin de grao, artigos e curtas

A pesar de poñerse en funcionamento  tan só uns días antes de que se decretase o estado de alarma pola pandemia da Covid-19, Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra atendeu a un total de 33 persoas durante os estes primeiros seis meses de funcionamento. A meirande parte dos contactos, até un 33%, debeuse á demanda de orientación persoal, solicitudes de axuda ou resolución de dúbidas en materia de identidade, consellos para saír do armario, tratamentos hormonais ou cuestións xurídicas. Outro bo número deles (un 24%) estivo vencellado co denominado servizo de ‘Lectora Sensible’, destinado a revisar e orientar traballos e creacións literarias e artísticas sobre temática LGTBI e que permitiu un tratamento axeitado, tanto dende o punto de vista da linguaxe como da información exposta, de artigos de prensa, curtas cinematográficas e, en especial, másteres e traballos de fin de grao de estudantes sobre as máis variadas cuestións de diversidade.

Tratouse na meirande parte dos casos de peticións de axuda ou de resolución de dúbidas que requerían de respostas longas e, moitas veces, dun apoio e seguimento do usuario, o que pon de manifesto que as persoas que acoden ao CIDES non o soen facer para atopar respostas rápidas a problemas ou cuestións sinxelas, senón en relación a consultas que requiren unha orientación e acompañamento (o tempo adicado a algúns usuarios chegou ás 3 horas seguidas e a varios días). 

Así o expuxo esta mañá a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, durante unha comparecencia que serviu facer balance do medio ano de vida deste centro municipal pioneiro, que supuxo a súa estrea na área LGTBI e na que estivo acompañada pola súa coordinadora, Ada Otero. Segundo explicou a edil socialista, un 9% dos contactos tivo que ver con dúbidas sinxelas, isto é, con usuarios que plantexaron cuestións moi concretas (as máis frecuentes sobre a realidade trans) resoltas en poucas palabras, e “outro 9% con asociacións e institucións que se puxeron en contacto co CIDES para organizar actividades e construír canles de comunicación que nos axuden mutuamente”.

“O restante 21% das chamadas e mensaxes recibidos -apuntou Blanco- estaban relacionados con temas moi diversos, dende información sobre eventos LGTBI e agradecementos pola posta en marcha do centro até a solicitude das mascarillas distribuídas para promocionar o Día do Orgullo, que voaron literalmente”.

Unha apertura marcada pola pandemia

Tal e como lembrou a concelleira de Igualdade, “a apertura do CIDES coincidiu co decreto do estado de alarma e co confinamento pola Covid-19, o que por unha banda impediu realizar unha boa promoción do centro e, pola outra, levou a empregar de xeito intenso as redes sociais para chegar aos usuarios e comunicarse con eles”. Non obstante, Ada Otero constatou que, “a pesares de todos estes inconvintes, conseguíuse chegar a moita xente e, se poñemos os datos en perspectiva cun caso próximo, como o Observatorio Coruñés contra LGTBIfobia, conformado por 9 persoas e que no seu informe anual de 2019 rexistrou a atención de 90 usuarios ao longo do ano, as cifras resultan moi boas”.

“Se temos en conta a excepcional situación motivada pola Covid-19, a diferenza de poboación entre A Coruña e Pontevedra e que o servizo do CIDES está coordinado por unha única persoa -indicou- chegar a 33 usuarios en seis meses é un moi bo dato”.

Otero salientou que, dada a situación sanitaria, “a atención presencial nestes primeiros seis meses foi case anecdótica (só cinco persoas) e a canle principal de comunicación foron o correo electrónico e as redes sociais, sendo Instagram a máis empregada de todas”. A coordinadora do CIDES afirmou que, co actual contexto de pandemia, “semella que a atención telemática vai seguir sendo a principal e, polo tanto, cómpre seguir promocionando as redes sociais e investigando máis xeitos de poder ofrecer os servizos de forma online”.

Ada Otero fixo fincapé no feito de que “unha gran parte dos usuarios do Centro foron persoas alleas ao colectivo LGTBI, o que foi unha gran sorpresa” e constatou que “a gran dúbida da sociedade e o que desperta máis interese é a realidade trans”. A activista animou á xente “a non ter vergoña” e contactar co Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade, que atende solicitudes a través do teléfono 676 097 339, a dirección de correo electrónico ‘cidespontevedra@gmail.com‘ e as principais redes sociais: Facebook (CIDESpontevedra), Instagram (@cidespontevedra) e Twitter (CIDESpontevedra).

Formacións online

A concelleira de Igualdade precisou que o CIDES de Pontevedra está a recibir numerosas solicitudes para desenvolver accións formativas por parte de asociacións e profesionais. Neste sentido, a socialista Yoya Blanco avanzou a súa intención de poñer en marcha xornadas de formación, “por suposto, adaptadas á situación sanitaria que estamos a vivir e que, polo tanto, se levarían a cabo de xeito telemático”. “En canto teñamos pechada unha planificación, que será en breve, -engadiu- daremos máis información ao respecto”.