• Leva por título ‘A vida incerta’ e xorde no marco do programa ‘A memoria das mulleres’ da Concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica
  • Fai un percorrido pola vida de Virxinia Pereira dándolle voz á propia protagonista, a través da correspondencia mantida con Otero Pedrayo e outras figuras coetáneas da cultura galega

O concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica, Xaquín Moreda, presentou esta mañá a biografía que o Concello vén de editar para dar a coñecer a figura de Virxinia Pereira, acompañado pola autora do libro, a escritora e xornalista, Montse Fajardo. O libro, titulado ‘A vida incerta’, chega á rúa esta tarde cunha primeira presentación no Museo de Pontevedra -baixo convite e con aforo reducido segundo as medidas vixentes por mor da Covid-19- e a partires da semana que vén estará dispoñible na Oficina de Turismo para todas as persoas que desexen dispoñer dun exemplar.

“Poñer no mapa a Virxinia Pereira” é o obxectivo desta biografía, segundo indicou Xaquín Moreda, xa que “moita xente non sabe quen é ou só a identifica como a muller de Castelao”. O concelleiro explicou que con motivo 50 aniversario do pasamento de Virxinia Pereira que tivo lugar o ano pasado e no marco do programa ‘A memoria das mulleres’, a través do cal se realizaron diversas iniciativas para honrar a súa figura e traxectoria, realizouse unha investigación na que foron aparecendo fontes documentais, como a correspondencia mantida con Otero Pedrayo, que motivaron a edición desta biografía.

Entre as principais características do libro, Moreda salientou a relación de Virxinia Pereira coa cidade de Pontevedra, a loita da biografada para que a obra de Castelao fose reunida e permanecese no Museo de Pontevedra -en cuxa fundación participou o propio Castelao-, así como a súa faceta de loitadora pola democracia e polos dereitos recoñecidoos da Galiza no plebiscito de 1936, e como defensora da lingua galega.

“Virxinia non é unha miñaxoia é unha muller loitadora” insitiu Montse Fajardo, quen explicou que a través desta biografía trata de rachar coa “visión paternalista dunha muller que coidou moi ben do seu marido” para centrarse na súa participación activa e no seu firme compromiso coa loita antifranquista. A autora asegurou que este papel activo eclosionou tras a morte de Castelao, quedando Virxinia a cargo do seu legado tanto artístico como político e mesmo “loitando como unha leoa”, como ela mesma escribe nunha das cartas referenciadas.

Tamén explicou que o título da biografía ‘A vida incerta’ responde, dunha banda, á incertidume que foi marcando a vida de Virxinia Pereira segundo o devir persoal e político que lle tocou vivir e, por outro, á incertaza que imperou no relato da súa vida e a imaxe deturpada que dela quedou.

A biografía inclúe 89 fotografías cedidas por diversas institucións e contou coa colaboración de diversas persoas e colectivos que fixeron posible a investigación como o equipo do Museo de Pontevedra, nomeadamente o seu director Xosé Manuel Rey García e a conservadora Ángeles Tilve, Xoán Carlos Garrido da Asociación Cultural Vagalumes da Estrada, a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Fundación Neira Vilas, e a descendencia de Sebastián Martínez Risco, Ramón Martínez, Isaac Díaz Pardo e Valentín Paz Andrade.

A concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica salientou o feito de que a primeira presentación da biografía se realice no Museo de Pontevedra polo simbolismo que ten en relación á vida e traxectoria de Virxinia Pereira. Tamén se realizará unha segunda presentación na vila natal de Virxinia Pereira, na Estrada, que terá lugar mañá pola tarde na praza da Música.