O Eixo Atlántico debate en Pontevedra sobre a era post-Covid nos concellos

3

Pontevedra celebrou onte a reunión do Eixo Atlántico no Teatro Principal ao que asistiron 39 alcaldes da Eurorrexión e un comité de expertos que, baixo un estricto protocolo de prevención, debatiron sobre os concellos despois da Covid e os fondos de reestructuración.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que interviu por videoconferencia debido a unha indisposición, explicou que “Pontevedra tiña un interese especial por celebrar esta reunión, con expertos, alcaldes e alcaldesas, para afrontar a era covid coas máximas garantías”.

Indicou que a cidade “reúne características especiais porque ten feito os deberes por recuperación do espazo público, compostaxe, economías circulares, calidade do aire…”. Con este marco, o Concello de Pontevedra fixo achegas á reunión de onte “pensando na integración de Galiza co Norte de Portugal; na aposta por novas tecnoloxás, pola economía circular e verde; por poñer en valor o noso territorio porque somos unha eurorrexión moi parecida con asentamentos de poboación, idioma e cultura conxunta e atractivo especial co turismo”.

Lores lembrou que “aínda que estamos no noroeste español, somos unha porta de atraque de toda a mobilidade que vén do Atlántico e de América”, por iso apostou por valorar as nosas potencialidades e mellorar as infraestructuras de comunicación: o tren do Porto a Vigo que ten importancia transcendental ou unha liña de mercadorías que dea salida á meseta e a Europa”.