Benestar Social asinará un convenio anual con Xoán XXIII para fomentar a inclusión socio laboral das persoas con discapacidade intelectual

38
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, levará este luns a Xunta de Goberno o acordo coa asociación que preside Magín Froiz, que se traducirá nunha achega municipal de 2.000 euros

O tenente de alcalde, Tino Fernández, levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación un convenio de colaboración de carácter anual entre a Concellería de Benestar Social e a Asociación Xoán XXIII. En base ao novo acordo que se asinará co presidente da entidade, Magín Froiz, o Concello destinará unha achega de 2.000 euros a sufragar os gastos do programa de inclusión educativa e socio laboral e a promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade intelectual desenvolvido por este colectivo sen ánimo de lucro.

Tino Fernández lembra que “no noso contorno existen moitas persoas con diversidade intelectual ás que convén ofrecerlle servizos especializados que permitan a súa inclusión socio laboral e eviten situacións de dependencia e exclusión social, o que fai imprescindible o labor que desempeña Xoán XXIII”. Tal e como sinala o edil socialista, a Asociación naceu o 14 de xuño de 1968, grazas á iniciativa e ao traballo dun grupo de persoas totalmente altruístas e emprendedoras, sendo declarada de Utilidade Pública o 25 de xuño de 1971 e “estando vencellada durante toda a súa traxectoria ao apoio e tratamento das persoas con distintas discapacidades psíquicas”.

Entre os servizos e actividades de formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual que Xoán XXIII leva a cabo na comarca de Pontevedra inclúense atención psicolóxica, rehabilitación física (fisioterapia e hidroterapia), traballo social e asesoramento, logopedia, obradoiros de formación e capacitación, terapia ocupacional, comedor e transporte e club polideportivo.

Os talleres desenvolvidos permiten aos usuarios adquirir habilidades centradas nas necesidades, demandas e intereses de catro grandes áreas de traballo: coidado persoal e habilidades da vida diaria; os aspectos cognitivos; as habilidades sociais, e a participación comunitaria. A terapia ocupacional fai posible acadar un maior nivel de independencia nas actividades da vida diaria, mentres que o servizo de comedor e transporte ofrece un menú baixo control sanitario e o traslado de ida e volta aos centros tutelados pola asociación, e o club polideportivo a participación en diferentes actividades e modalidades deportivas.

Os recursos da Asociación Xoán XXIII

As distintas actividades da Asociación Xoán XXIII desenvólvense nos seguintes centros:

  • Centro de Educación Especial, concertado coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia e que presta servizos en tres etapas de educación especial: Educación Infantil (de 3 a 6 anos); Educación Básica (de 6 a 16/18 anos), e Transición á Vida Adulta e Formación Laboral Complementaria (de 16 a 21 anos).
  • Centros ocupacionais: dirixidos a persoas adultas maiores de 18 anos con necesidades de apoios intermitentes ou limitados.
  • Centros de día: para a atención especializada ás persoas maiores de 18 anos e necesidades de apoio externo para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria.
  • Vivenda tutelada: con capacidade para 8 prazas e a prestación dun servizo de atención social e integral destinado á convivencia das persoas con discapacidade intelectual con necesidade de apoio limitado e intermitente.

Para o desenvolvemento do programa obxecto do convenio coa Concellería de Benestar Social, a Asociación Xoán XXIII conta, entre outros recursos humanos, cunha xefa de administración, o persoal director dos distintos centros, profesorado e persoal formador, unha psicóloga e unha traballadora social, así como con voluntarios que colaboran nos labores complementarios e coa actividade que exercen os cargos directivos da entidade. No que atinxe aos recursos materiais, o colectivo dispón de sistemas e equipos informáticos (redes wifi, ordenadores, tablets e smartphones), pizarras dixitais e proxectores interactivos e material didáctico para actividades formativas e obradoiros.