As obras na avenida da Coruña entran na fase final

23
  • Entre o luns 21 e o venres 25 procederase ao fresado e asfaltado polo que se restrinxirá a circulación por este vial e só se permitirá o acceso a residentes
  • Esta actuación é o primeiro paso dunha reordenación do tráfico no barrio do Burgo que continuará coa reforma integral da rúa da Santiña

As obras na avenida da Coruña entran a vindeira semana na fase final, xa que entre o luns 21 e o venres 25 se procederá ao fresado e asfaltado da mesma. Para  levar a cabo estes traballos restrinxirase a circulación por este vial e só se permitirá o acceso a residentes.

O plan de tráfico para levar a cabo estes traballos contempla tres fases. Na fase A1 permanecerá pechado ao tráfico o tramo da avenida da Coruña máis próximo á ponte do Burgo (entre a intersección coa rúa Xoán Manuel Pintos e a entrada da rúa da Santiña), polo que a saída de residentes se realizará pola rúa da Santiña cara á rúa Luis Otero e bordeando Pasarón para saír á rotonda da avenida de Compostela. Para o tráfico que provén da rúa Juan Bautista Andrade o acceso á cidade tamén queda establecido pola rúa Luis Otero cara a rotonda da avenida de Compostela.

Na fase A2, permanecerá pechado o tramo da avenida da Coruña comprendido entre a rúa da Santiña e e a rúa Juan Bautista Andrade e os accesos e saídas establecénse igual que para a fase A1. Mentres a fase A3 implica a restricción de acceso nun horario fóra de hora punta pola rúa Juan Bautista Andrade para os vehículos de masa en carga superior a 3.500 kg. 

O fresado e asfaltado deste vial son os últimos traballos tras o reacondicionamento das beirarrúas e o cambio de marxe das zonas de aparcadoiros e de colectores, situándoos á dereita segundo o novo sentido da circulación previsto (subindo). Convén lembrar que a reordenación do tráfico no Burgo implica que o tráfico na avenida da Coruña pasará a ser de subida en todo o vial.

A actuación neste vial, que conta cun prazo de execución de 3 meses e que fora licitada cun orzamento de 191.869,66 euros, é o primeiro paso dunha actuación máis ambiciosa encamiñada a extender o modelo de cidade a todo o barrio do Burgo. En último termo, esta actuación ten por obxectivo eliminar o tráfico innecesario, nomeadamente o de paso e o de axitación, e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio, ao tempo que priorizará a mobilidade peonil en toda a área. A actuación continuará coa reforma integral da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade

Fase A1

Fase A2

Fase A3