O programa Saúde na Rúa trasladarase a vindeira fin de semana á Praza de Europa de Monte Porreiro

43
  • Tralo éxito organizativo da xornada celebrada en Estribela, o evento impulsado pola Concellería de Deportes en colaboración coa empresa Fai Deporte regresa o sábado 26 ás 17:30 horas

Tralo éxito organizativo e participativo da sesión inaugural celebrada a pasada fin de semana en Estribela, na que os asistentes puideron desfrutar dunha xornada de exercicio ao libre cos máis rigorosos protocolos sanitarios, o programa municipal Saúde na Rúa, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde en colaboración coa firma especializada Fai Deporte, trasladarase o vindeiro sábado 26 de setembro pola tarde a Monte Porreiro. Nesta ocasión, o evento, que ten o obxectivo de ‘reiniciar’ a actividade física e o combater o sedentarismo nestes tempos de pandemia en diversas parroquias e barrios de Pontevedra, celebrarase na Praza de Europa entre as 17:30 e as 20:00 horas.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lembra que o programa está pensado para que persoas de tódolos grupos de idade e estados de forma retomen pouco a pouco a práctica deportiva e manteñan unha saúde forte neste complexo contexto sanitario. Aqueles interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do teléfono 672 63 23 60 ou da dirección de correo electrónico ‘saudenarua20@gmail.com‘.

A actividade volverá desenvolverse en base ás restricións establecidas pola Xunta, con grupos de 10 participantes e dúas ou tres aulas de entre 30 e 40 minutos (a duración dependerá da cantidade de xente que se inscriba). Entre as medidas de seguridade inclúense tamén a dotación de xel hidroalcólico, a toma de temperatura corporal e o mantemento da distancia de seguridade mediante o pintado de áreas delimitadas para cada participante.

Saúde na Rúa ten un carácter inclusivo, está pensado para que poida participar todo o mundo, realizando unha actividade física moi básica e sinxela acompañada por música e que integra disciplinas como a ximnasia de mantemento, o pilates, a zumba ou o aeróbic. Ademais de en Estribela e Monte Porreiro, o programa municipal ten previsto organizar actividades de fomento da actividade física nas parroquias de Ponte Sampaio e Santa María de Xeve.