Iván Puentes convocará a finais de ano un concurso internacional de ideas para definir o proxecto que permitirá ‘liberar’ o tramo soterrado do río dos Gafos

393
  • O edil presenta en Campolongo os resultados do estudo previo para a creación dun parque lineal neste treito urbano, realizado polos arquitectos Alexandre Mouriño, Daniel Rivoira e Julio Rodríguez
  • O acto, que contou coa presenza de veciños e de membros do colectivo Vaipolorío, incluíu unha exposición con fotografías e paneis informativos sobre o proxecto e as súas diversas fases

Un concurso internacional de ideas que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural convocará a finais deste ano definirá o proxecto de obra definitivo que permitirá ‘liberar’ o treito soterrado do río dos Gafos e crear un novo parque lineal no seu contorno. Así o anunciou esta mañá na Praza da Constitución de Campolongo o responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, durante a presentación do estudo técnico encargado a Alexandre Mouriño (AM2 Arquitectos), Daniel Rivoira Zecca e Julio Rodríguez (ambos da firma RYR Arquitectos), na que estivo acompañado do propio Mouriño e do autor do estudo hidráulico e de viabilidade do proxecto, o enxeñeiro Ángel Colsa (de Nortap).

Nun acto que contou coa presenza de veciños do barrio, de membros do colectivo ecoloxista Vaipolorío, do xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e dos concelleiros Tino Fernández, Yoya Blanco e Marcos Rey, e que incluíu a instalación dunha pequena exposición con fotografías e paneis informativos sobre o proxecto e as súas diversas fases, Puentes constatou que se trata dun plan que busca “renaturalizar, dignificar e gañar para a paisaxe urbana e o lecer da cidadanía os dous tramos máis maltratados do río: o que hoxe circula por unha caixa de formigón de 7×3 metros e mailo que se abre paso entre as torres residenciais ubicadas entre a Ponte da Tablada e a desembocadura ao mar”. 

Segundo explicou, este primeiro estudo técnico recolle, entre outras cuestións, as actividades urbanas que se desenvolven preto do río, a configuración do Parque de Campolongo e o seu importante papel como eixo de diversas actividades, o comportamento da propia canle fluvial, os desprazamentos entre as áreas de María Victoria Moreno, a Praza de Galicia e Augusto González Besada, o movemento peonil e en bicicleta, sobre todo de deportistas e escolares, o gran número de xente maior, o tránsito de automóbiles…

O estudo tivo en conta múltiples aspectos que conflúen en toda a zona: os colexios Campolongo e Crespo Rivas, os edificios da Xunta e Facenda, o Centro Deportivo de Campolongo, a igrexa, a residencia de maiores, ás persoas con discapacidade, as quen teñen dificultades de visión, os usuarios e usuarias da vía que vai á Brilat ou ao Centro de Recursos da ONCE, as que utilizan María Victoria Moreno para ir a outras zonas da cidade, os fluxos de Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia… Tamén á hostalería, o comercio e, por suposto, as necesidades das veciñas e veciños de toda esta ampla área urbana.

Incrementar o protagonismo do barrio 

Tal e como subliñou Iván Puentes, “o anteproxecto contempla que os accesos aos colexios veciños ao río queden completamente operativos e seguros para os nen@s e as súas familias, garantindo ou mesmo mellorando a accesibilidade e incrementando o protagonismo do barrio no conxunto da cidade”. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible precisou que “nesta faise aínda non temos solucións concretas e definitivas” e que “será no concurso internacional de ideas que se convoque a finais de ano onde os profesionais que se presenten achegarán propostas e alternativas para solventar cada unha das necesidades”. 

“Deste concurso -afirmou- sairá o proxecto de obra que dará forma definitiva ao novo río dos Gafos e a todo o parque e zona verde da súa ribeira. Seleccionarase a proposta máis interesante para revalorizar esta área, que forma parte do corazón da nosa cidade e que volverá ser un circuíto de vida a pleno sol”.

O edil lembrou que “ao longo do tempo, o río dos Gafos era un lugar de encontro social” e que “muíños, lavadoiros e tintureiras enchían de vida esta parte da cidade até que, en 1970, cando se trasladou a estación de ferrocarril e se edificou Campolongo, o río foi soterrado entre a rúa Alcalde Hevia e a Ponte da Tablada”.

Unha superficie equivalente a 12 campos de Pasarón

Segundo afirmou Iván Puentes, o plan para Liberar o Gafos “é un deses proxectos que instauran un modelo de cidade e, sen dúbida, un dos máis importantes deste mandato”, cun ámbito de actuación que abrangue unha superficie global de 81.000 metros cadrados, “é dicir, o equivalente a uns 12 campos de fútbol de Pasarón”. “Non se trata unicamente de crear un parque urbano ou de desenvolver un ambicioso proxecto de recuperación ambiental, senón que estamos a falar de transformar o corazón urbano de Pontevedra, dando un paso de xigante na configuración da nosa cidade, tamén como modelo de capital verde e sostible. Imos facelo realidade e farémolo ademais coa implicación de tódalas administracións e, por suposto, da veciñanza de Pontevedra”, salientou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

En base á proposta do estudo previo realizado por Mouriño, Rivoira e Rodríguez, a execución do proxecto comprenderá actuacións en catro tramos diferenciados: 

  1. Entre a Ponte Nova e Rosalía de Castro:

É o máis próximo á desembocadura do río. Esta zona desenvólvese nun contorno urbano, aínda que de baixe densidade edificatoria. Nel se identifican unha serie de edificacións do século XIX que conforman un conxunto etnográfico de certo interese. Isto, unido ao nivel medio de antropización do río, permite que a recuperación desta zona se acometa baseándose en pequenas intervencións de consolidación das edificacións existentes. O tratamento das medianeiras e das concas visuais cara estas serán fundamentais. Resólvese o acceso a diferente cota coa rúa Rosalía de Castro. Dentro dos traballos de posta en valor desta zona tívose en conta a historia do lugar e o seu ‘genius loci’, o que permite actuar con certo soporte intelectual para a posta en valor do tramo.

2. Entre Rosalía de Castro e Xeneral Rubín:

Este tramo de río discorre completamente confinado entre edificacións. Algunhas delas non seguiron a aliñación do último PXOM, o que xera que estas invadan o xa de por si escaso espazo para o paso da lámina de auga. Esta complexa zona require dunha reinterpretación da relación entre o río e a cidade para permitir, na medida do posible, a súa posta en valor, mellorando ao mesmo tempo a salubridade dalgúns focos actualmente marxinais. Como parte central desta actuación, mellorarase e integrarase a zona verde anexa ás fachadas posteriores dos números 6 e 8 da Rúa da Tablada.

3. Entre Xeneral Rubín e Alcalde Hevia:

Este treito correspóndese co actual entubamento do río, polo que nel daranse as seguintes situacións a contemplar no seu destape:

  • Unha zona que se corresponde cos centros escolares da zona, na que se propón un paso sobre o río para garantir a continuidade peonil nos seus accesos.
  • Outra que se corresponde coa Praza da Constitución, para a que se propón a súa incorporación ao sistema do río mediante o tratamento dos sus espazos e o mantemento dos itinerarios peonís, así como das zonas de reunión. Nesta área de encontro social deberá contemplar a multiplicación dos seus usos para garantir unha serie de actividades para todo tipo de franxas de idade, asegurando así o seu emprego intensivo durante todo o ano.
  • Unha zona de transición entre a Praza da Constitución o treito do río que discorre augas arriba de Alcalde Hevia, cuxa topografía conforma unha sección interesante como área de paso e estancial.
  • Unha ponte que ten a dobre función de dar continuidade ao tráfico rodado da rúa Antonio Taboada e de permitir a comunicación peonil entre ámbalas marxes do río desentubado.
  • A actual ponte que marca o inicio do tramo entubado. Proponse a súa substitución para asegurar un bo comportamento hidráulico do mesmo.

4. Entre Alcalde Hevia e a avenida de Vigo:

Tramo sobre o que xa se actuou e que é o menos antropizado dentro do contorno máis urbano. Nel preséntanse deficiencias de tipo paisaxístico, como a falta de integración das medianeiras ou fachadas posteriores que se volcan cara o río. Polo demais, a intervención neste segmento debe ser mínima. Un punto importante (como en toda a actuación) sería a retirada e soterramento ou reubicación dos sistemas de saneamento que discorren en paralelo á marxe do río. Ademais disto, débense consolidar os noiros laterais en terra ou pedra mamposta para evitar corrementos sobre o leito do río, como xa se observa agora mesmo nalgúns puntos.

Neste treito distínguense un par de puntos a ter en conta:

  • Un xardín existente, agora mesmo confinado por unha tapia, que se propón integrar no sistema do río. Débense respectar as especies arbóreas existentes, así como o hórreo.
  • Unha área verde augas arriba da Ponte Boleira, na que se atopa un antigo muíño en estado ruinoso e unha ampla explanada sobre a que se deberían acometer pequenas actuacións para consolidala respecto ao seu contorno inmediato, deixando así de ser unha peza solta dentro do trazado da lámina de auga.

Para o equipo redactor do estudo previo tamén sería interesante propoñer ás autoridades competentes a reubicación do centro Avelino Montero, situado en terreos de Dominio Público Hidráulico que presentan unha baixa calidade para seren habitados dada a súa elevada humidade e escasa entrada de sol. Deste xeito, esa parcela poderá integrarse no sistema de zonas verdes asociadas ao río dos Gafos.