O documental sobre Moncho Reboiras chega esta fin de semana a Pontevedra

14
  • Exhibirase nas salas de Cinexpo e a sesión do domingo contará cun coloquio no que está prevista a participación do director e guionista, Alberte Mera
  • A longametraxe combina 29 entrevistas de testemuñas con secuencias ficcionadas para ilustrar os momentos máis relevantes da vida de Reboiras, a última vítima mortal da ditadura na Galiza

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e o guionista e director do documental ‘Reboiras. Acción e corazón’, Alberte Mera, presentaron esta mañá esta longametraxe con motivo da súa exhibición esta fin de semana en Pontevedra. Os pases terán lugar nas salas de Cinexpo o sábado e o domingo, ambos días ás 21:30h, e ademais a sesión do domingo contará cun coloquio no que participará o director. 

Alberto Oubiña aproveitou a presentación para poñer en valor a importancia “de exhibir cinema en galego en cinemas comerciais” e salientou o selo pontevedrés do equipo de rodaxe – con Jose Aragunde na dirección de fotografía, Samuel Lema na dirección de arte, Adrián Porima no son, e Tamara Andrés na produción-, así como a vinculación do director coa cidade, posto que “Alberte Mera é de Vigo pero estudou no Campus de Pontevedra” indicou.

Pola súa banda, o director explicou que esta longametraxe reflicte “unha época dura e escura de Galiza e a loita de toda unha xeración por unha Galiza libre e xusta”. Alberte Mera asegurou que este documental salda unha “débeda histórica” coa figura de Moncho Reboiras e que tratou de “facerlle xustiza, a nivel técnico e artístico e niso puxemos todo o equipo o noso mellor empeño”. Tamén indicou que espera que “todo este arroupe por parte do público e da crítica sirva para dar un toque de atención e presionar á historiografía oficial e a altas institucións para que a Memoria galega tamén a teñan presente”. 

A longametraxe documental ‘Reboiras. Acción e corazón’ constrúe a memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia a través de 29 testemuños de persoas que o coñezeron de primeira man, de secuencias ficcionadas que reviven momentos de relevancia na súa vida e a través de fotografías, documentos e fragmentos audiovisuais dos anos 70. Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, foi a última vítima mortal da ditadura franquista en territorio galego.