A readaptación da avenida da Coruña estará rematada nesta semana

58
  • Permitirá dar maior calidade de vida a esta parte do barrio do Burgo, que se irá completando con outras intervencións futuras como a da rúa Santiña.

Esta semana rematarán os traballos de readaptación da avenida da Coruña para permitir a entrada de vehículos dende a Ponte do Burgo até Pasarón. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou os traballos acompañado do concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, dos técnicos municipais e responsables da empresa que acomete os traballos, E.C.Casas.

O alcalde destacou que é “un barrio que medra moito” e que “ten moito futuro porque ten equipamentos sociais e deportivos, o campus… é unha zona de crecemento da cidade que fai falta facer investimentos”.

Os traballos rematarán co axuste dalgunha das direccións das rúas do cruzamento con Pasarón por recomendación da Policía.

A actuación do vial consistíu en reordenar o espazo de servizos colocándoos á man dereita, no novo sentido de circulación xa que é preciso para que poidan acceder os camións do lixo que fan a carga na man dereita.

Esta obra foi licitada por 191.869,66 euros e é o primeiro paso dunha actuación máis ambiciosa encamiñada a extender o modelo de cidade a todo o barrio do Burgo. En último termo, esta actuación ten por obxectivo eliminar o tráfico innecesario, nomeadamente o de paso e o de axitación, e limitalo ao estritamente preciso para o funcionamento do barrio, ao tempo que priorizará a mobilidade peonil en toda a área.

Continuará coa reforma integral da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade.