Benestar Social e Asearpo tinguirán de luz verde a Casa Consistorial co gallo do Día Nacional da Artrite

47
  • A fachada do edificio municipal da Praza de España iluminarase o día 1 de outubro co obxectivo de visibilizar a enfermidade e sensibilizar á poboación sobre a artrite e a espondilartrite

A Concellería de Benestar Social sumarase o vindeiro xoves 1 de outubro á conmemoración do Día Nacional da Artrite tinguindo con luces de cor verde a fachada da Casa Consistorial. Con este xesto simbólico, o departamento que dirixe Marcos Rey pretende apoiar as accións promovidas pola Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo) para sensibilizar e informar á poboación sobre a artrite reumatoide, a artrite psoriásica, a artrite idiopática xuvenil, a espondilite anquilosante e a espondilartrite, no marco da campaña ‘Outubro mes da artrite e a espondilartrite’, que comeza o 1 de outubro e que dende 2009 organiza a Coordinadora Nacional de Artitre en colaboración co resto de asociacións de pacientes de toda España.

Tal e como indica o concelleiro socialista Marcos Rey, esta iniciativa de iluminar de verde edificios públicos púxose en marcha en 2015, realizándose dende entón en Pontevedra, noutros municipios da provincia e en diversas cidades de Galicia e do Estado, como Madrid, Santiago, Vigo, Huesca, Valencia ou Cidade Real. “Trátase dunha homenaxe ás persoas que padecen estas enfermidades e que ten como finalidade darlles maior visibilidade, xa que seguen sendo patoloxías descoñecidas pola maior parte da poboación”, sinala o edil de Benestar Social.

A través do seguinte enlace pódese observar o impacto que a acción tivo o ano pasado: https://youtu.be/NUkJtuZoaO0.