A Xunqueira de Ponte Sampaio acollerá o sábado unha nova sesión do programa Saúde na Rúa

25
  • A actividade organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa firma Fai Deporte desenvolverase a partir das 17:30 horas. En caso de choiva, instalarase unha carpa

A Xunqueira de Ponte Sampaio será escenario o vindeiro sábado 3 de outubro dunha nova sesión da iniciativa Saúde na Rúa, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa asociación Fai Deporte co obxectivo de reiniciar a práctica de actividade física ao aire libre en barrios e parroquias de Pontevedra e combater o sedentarismo nestes tempos de pandemia. A participación no programa, que se desenvolverá entre as 17:30 e as 20:00 horas, requirirá unha vez máis de inscrición previa a través do teléfono 672 63 23 60 ou da dirección de correo electrónico ‘saudenarua20@gmail.com‘, e levarase a cabo en grupos reducidos (cun máximo de dez persoas) e coas máis estritas medidas de seguridade: parcelas individuais pintadas no chan, toma de temperatura e xel hidroalcólico. No caso de choiva, instalarase unha carpa.

Trátase da terceira sesión das catro previstas nesta primeira quenda de actividades de Saúde na Rúa, despois de que o programa pasase xa por Estribela e Monte Porreiro (a última xornada terá lugar en Santa María de Xeve). En todo caso, tal e como constata o tenente de alcalde e edil de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, “a iniciativa, pensada para que persoas de tódolos grupos de idade e estados de forma retomen o gusto pola práctica deportiva e tomen conciencia da súa importancia para manter unha saúde forte, tivo unha moi boa acollida, polo que sen dúbida terá continuidade noutros lugares do municipio”.

O programa Saúde na Rúa ten un carácter inclusivo, está deseñado para que poida participar todo o mundo, realizando unha actividade física moi básica e sinxela acompañada por música e que integrará disciplinas como a ximnasia de mantemento, o pilates, a zumba ou o aeróbic. 

Cada sesión está pensada para a celebración de dúas ou tres aulas de entre 30 e 40 minutos e grupos de 10 participantes (a duración está en función da xente que se inscriba).