Concello e comerciantes deseñan a campaña #eusonLoureiro para reactivar o comercio durante a reforma desta rúa

32
  • A campaña, ademais de promover as compras de proximidade, inclúe unha exposición e roteiros sobre a historia do barrio e agasallos para a clientela dos comercios

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e a presidenta da Asociación de Comerciantes de Loureiro Crespo, María Diz, presentaron esta mañá a campaña #eusonLoureiro, deseñada co obxecto de promover e reactivar o comercio durante as obras de reforma desta rúa. Trátase dunha campaña ambiciosa que, ademais de promover as compras de proximidade, inclúe accións relativas á propia historia e á memoria do barrio a través de roteiros e exposicións.

A iniciativa xorde, segundo explicou Demetrio Gómez dos encontros mantidos entre o Concello e a Asociación de Comerciantes desde antes xa de comezar as obras, durante os cales os empresarios e empresarias da zona solicitaron algún tipo de campaña para paliar os efectos que habitualmente teñen as obras no sector comercial, dando como resultado esta campaña de promoción. Demetrio Gómez indicou que a campaña, ademais de promocionar o comercio nesta zona “tamén coincide co que para nós é o mandato dos barrios ao que hai que sumarlle os obxectivos de calquera reforma urbana que se realiza en Pontevedra que é precisamente o de dinamizar o comercio local e de proximidade e xerar e crear vida dentro dos barrios”.

Pola súa banda, María Diz salientou que o barrio ten “moitísima presenza comercial e de moitos tipos” e lembrou que “é un barrio con moita historia e unha vertente imprescindible para a entrada na cidade”. Neste sentido, asegurou que a campaña vai permitir visibilizar  que “non só somos un barrio de primeira senón tamén parecelo”.

A posta en marcha desta campaña, despois da fase desta deseño, continúa coa elaboración dun censo de todos os negocios da zona que inclúe a compilación de datos e material gráfico de cada un deles. O obxectivo é empregar este material para utilizalo en redes sociais e nunha mostra que recolla a historia da rúa. Así, a campaña inclúe, a partires de novembro, cartaces específicos para os locais comerciais, volantinas para toda a veciñanza, a colocación de totéms indicando os negocios e a súa tipoloxía, e a instalación da exposición fotográfica coa historia do barrio que poderá visitarse facendo un percorrido polos escaparates dos establecementos comerciais. Xa en decembro, está previsto un roteiro para coñecer o barrio e a súa historia e, aproveitando o Nadal, os comercios agasallarán aos clientes cunha pulseira co lema #eusonLoureiro

Inicio das obras para aparcadoiro Valdecorvos 

Demetrio Gómez tamén avanzou que as obras para acondicionar unha parcela en Valdecorvos como aparcadoiro de borde comezarán esta semana, atendendo a outra das solicitudes realizadas tanto pola Asociación de Comerciantes como de Veciños de Loureiro Crespo. Esta demanda vén dada pola falta de prazas de aparcadoiro de borde nesa parte da cidade, que ten menos dotación deste tipo de aparcadoiros que outras zonas. As obras, que terán unha duración de 4 meses, permitirán dispoñer de ao redor de 60 prazas de aparcadoiro nunha parcela colindante á rúa Prado Novo.

Máis espazo público a disposición dos centros educativos

O concelleiro de Obras tamén informou que o vindeiro luns está previsto que a Xunta de Goberno local aprobe a solicitude da Consellaría de Educación de pechar unha parte da avenida Montero Ríos para uso exclusivo para as aulas de educación física do IES Valle Inclán.

Deste xeito, o Concello dá solución ás demandas de espazo público que lle van trasladando os centros educativos da cidade para dar cabida ao cumprimento das medidas de seguridade para o seu alumnado. Neste sentido, despois do peche de Raíña Vitoria para facilitar a entrada e saída do alumnado do IES Sánchez Cantón, o concello está pendente da solicitude da Consellaría de Educación para o peche de Alfonso XIII para ser usada como patio de recreo polo alumnado do CEIP Froebel. A rúa Alfonso XIII quedaría para uso exclusivo de residentes, que accederían só por Echegarai e instalaríanse bolardos cortando o paso cara a Concepción Arenal. Durante o horario de recreo, o acceso ao tráfico rodado quedaría totalmente restrinxido.