Pontevedra participa nos actos da Semana Europea da Mobilidade da Comisión

25
  • Estivo representada polo concelleiro Alberto Oubiña, que xunto a representantes das cidades de  Funchal, Las Palmas de Gran Canaria, Krusevac e Karditsa, falou sobre o futuro das cidades.
  • Non se producirá entrega formal do premio Urban Road Safety Award concedido a Pontevedra pola Comisión Europea en maio deste ano, pero será remitido ao Concello.

O Concello de Pontevedra participou esta mañá na Open session on EU Sustainable Urban Mobility and Civitas awards como colofón aos actos organizados pola Comisión Europea con motivo da Semana Europea de Mobilidade 2020, e antes de iniciar a seguinte convocatoria dos premios.

O concelleiro Alberto Oubiña foi o encargado de participar nunha mesa redonda onde estaban responsables de todas as cidades que resultaron premiadas nas distintas categorías dos premios convocados pola Semana Europea da Mobilidade 2020, e cuxos galardóns non se puideron entregar debido á pandemia da Covid.

Pontevedra asistiu a esa mesa redonda xunto as cidades de Funchal, Las Palmas de Gran Canaria, Krusevac (Servia) e Karditsa (Grecia). Abordaron asuntos como os retos de futuro das cidades, a visibilidade que dan este tipo de premios e a facilidade que outorga para tomar decisións.

Na sesión, seguida on-line por máis de 200 persoas, puidéronse ver imaxes das distintas cidades participantes, e resaltouse por parte de Matthew Baldwin, director xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea, a falla de mortos en vías urbanas no Concello de Pontevedra.

Este acto consistiu en compartir experiencias por parte das cidades premiadas, xa que non se puido producir o acto de entrega formal do galardón, que se enviará a Pontevedra nas vindeiras semanas. De todos os xeitos, a mesa redonda estivo presidida polas estatuíñas que representan ese premio.