Abre a oficina Supera20 para informar sobre as axudas a autónomos e micropemes afectados pola Covid

100
  • O alcalde e a concelleira Anabel Gulías visitaron esta mañá o primeiro día de funcionamento da instalación municipal.
  • Atende por cita previa chamando aos teléfonos habilitados para dar información.

Esta mañá abriu a oficina municipal Supera20 na rúa Dona Tareixa para informar e asesorar sobre a liña de axudas municipais a autónomos e micropemes que puxo en marcha o Concello de Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Réxime Interior, encargada da xestión das axudas, Anabel Gulías visitaron estas novas instalacións que estarán abertas á atención ao público até o vindeiro 14 de outubro, incluído.

O alcalde destacou que “estou satisfeito e contento porque este é un proxecto para axudar a superar unha situación moi fastidiada dende o punto de vista socioeconómico, sobre todo, polos sectores afectados polo Estado de alarma”. Explicou que “é un proxecto pioneiro e exemplar con estas características de enfoque serio e de futuro: garantir a viabilidade de proxectos que o están pasando mal neste momento”.

Fernández Lores lembrou que no caso de existir moita demanda podería ampliarse a contía ou facer unha nova convocatoria das axudas Supera20.

Pola súa banda, a concelleira Anabel Gulías explicou que a oficina atenderá dende hoxe mesmo e até o vindeiro 14 de outubro con cita previa (respectando o protocolo da Covid) para facilitar e dar información o máis rápido posible a todas as persoas que poidan obter unha subvención ao abeiro da convocatoria.

Son moitas as persoas que chaman interesándose polas axudas e pedindo información. A partir do luns comezarase con citas presenciais, en quendas dobres, para atender ao maior número de persoas no menor número de tempo.

Supera20

A liña de axudas Supera20 conta cun orzamento inicial de 1.250.000 euros e está destinada a accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais con atención directa ao público que tivesen suspendida a súa actividade durante o estado de alarma. 

Poderán presentar solicitudes as persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e microempreses que empreguen a menos de 10 persoas. A porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto e a contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude. Tamén se contempla un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida. 

As bases contemplan 5 liñas de actuacións: 

  • Actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais 
  • Actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional 
  • Actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional 
  • Actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética 
  • Outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates 

Teléfonos de información

Ademais, o Concello de Pontevedra habilitou dúas liñas de teléfono para informar a todos os interesados en optar a liña de subvención. Están atendidos por técnicos encargados de tramitar os expedientes e que irán resolvendo dúbidas.

Os teléfonos son:

  • 618 385 048
  • 681 264 835