Adxudicado o estudo e a proposta de explotación do transporte a demanda

56
  • A UTE MCRIT S.L. – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega  realizará este traballo por un importe de adxudicación de 76.683,75 euros, máis 37.500 euros correspondentes a melloras

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías vén de informar do que denominou “un paso adiante” na posta en marcha do proxecto de transporte a demanda coa adxudicación do estudo e da proposta de explotación deste servizo. A contratación da ‘asistencia técnica para o desenvolvemento dun estudo a demanda de mobilidade na zona periurbana de Pontevedra, así como para a análise e proposta de viabilidade e sostibilidade da explotación dun servizo de transporte colectivo a demanda’ foi adxudicada á UTE MCRIT S.L. – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega por un importe de adxudicación de 76.683,75 euros máis 37.500 euros correspondentes a melloras (as melloras refírense ao grao de definición dos contidos e obxectivos do contrato).

Anabel Gulías lembrou que para o Goberno local “é prioritario avanzar nunha liña de transporte a demanda para favorecer a conectividade das parroquias e das zonas rurais coa cidade” e que “dentro deste ambicioso proxecto, temos que dicir que tamén un proxecto moi novidoso co que quixemos ir paso por paso, e facer un estudo que puidese destacar cales son as necesidades á hora de implementar este servizo”. Asegurou ademais que esta adxudicación supón “o pistoletazo de saída cara o obxectivo, neste mandato, de ter todo pensado para poñer en marcha un proxecto que nos volverá situar na vangarda”.

Convén lembrar que esta asistencia técnica implica, a grandes rasgos, analizar o comportamento da mobilidade nas parroquias de cara a deseñar solucións acaídas, tanto no que ten que ver coa fórmula técnica como coas fórmulas legais, dándolle encaixe dentro da lexislación do Estado español, da lexislación galega e tamén da europea. 

O proxecto ‘A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade’ encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).