O XXXVIII Gran Fondo – XXV Medio Maratón de Pontevedra aspira a converterse en modelo a seguir para outros eventos deportivos do Estado

51
  • A falta de dous días para que se peche o prazo de inscrición da proba, a organización xa cubriu máis de 200 do tope de 300 prazas dispoñibles nesta edición marcada pola situación sanitaria
  • O evento foi presentado hoxe polo tenente de alcalde, Tino Fernández; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; a presidenta da Gimnástica, Charo Castro, e o director da proba, Víctor Riobó

A falta de dous días para que se peche o prazo de inscricións, o XXXVIII Gran Fondo – XXV Medio Maratón de Pontevedra, organizado pola Sociedad Gimnástica en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Atletismo, xa cubriu máis de 200 do tope de 300 prazas dispoñibles para esta edición marcada pola situación sanitaria. A proba, que terá lugar o vindeiro domingo 18 de outubro a partir das 9:00 horas e que se desenvolverá nun circuíto de dúas voltas de 10,5 quilómetros pola Illa das Esculturas e o contorno do Campus Universitario con saída e liña de meta na rúa José Malvar, foi presentado esta mañá no Teatro Principal nun acto que contou coa presenza do director da carreira, Víctor Riobó; a presidenta da Gimnástica, Charo Castro; o director xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

O Medio Maratón de Pontevedra 2020 terá unha lonxitude de 21.097 metros, e percorrerá un circuíto non homologado, urbano, pechado ao tráfico e sobre asfalto e terra. Segundo explicou Víctor Riobó, “cada quilómetro sinalizarase visualmente e o tempo máximo para completar a distancia será de dúas horas e dez minutos”. “A saída será dende a rúa José Malvar e discorrerá pola ponte dos Tirantes, avenida de Bos Aires (dirección Marín), avenida de Uruguai, ponte de Santiago, Rafael Areses, Alexandre Bóveda, Fernández Cochón, Celso Emilio Ferreiro, o Campus Universitario, a Illa das Esculturas (terra) praia fluvial e inicio da segunda volta, finalizando de novo na meta de José Malvar”.

Tal e como indicou o director da proba, “as saídas serán de dous en dous deportistas cada 20 segundos e percorrerán os primeiros 100 metros por un carril diferenciado, a orde de saída establecerase previamente en función das marcas acreditadas polos participantes, saíndo os mellores tempos @s primeir@s”. Na primeira quenda, os dorsais número 1 e 2 sairán ás 9:00 horas, os dous seguintes aos vinte segundos, os dous seguintes aos vinte segundos e así sucesivamente… Ata os dorsais 149 e 150, que sairán ás 9:24:40. Na segunda quenda, os dorsais número 151 e 152 sairán ás 10:15 horas e os dous seguintes aos vinte segundos, os dous seguintes aos vinte segundos… Ata o dorsal 299 e 300, que sairán ás 10:39:40.

O primeiro evento deportivo en ruta de Galicia

Víctor Riobó lembrou que esta proba “é o primeiro evento deportivo en ruta que se fai en Galicia” dende o inicio da pandemia no noso país e tamén “o primeiro medio maratón de España”, o que a converte “nunha proba piloto para poder aplicar protocolos en probas venideiras” e en “imaxe para outras comunidades autónomas”. Neste mesmo sentido, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes subliñou que a organización desta proba “é unha nova mostra de que, cun estrito cumprimento das normas sanitarias, é posible e moi importante a normalización da actividade físico-deportiva ao aire libre”. 

Tino Fernández tamén destacou as “exemplares medidas de seguridade” establecidas no protocolo elaborado pola Sociedad Gimnástica en colaboración coa Concellería de Deportes, entre as que cabe mencionar especialmente “a redución das prazas a un máximo de 300 participantes, sobre todo tendo en conta que chegamos aos 1.800 en edicións anteriores”. “Non é o primeiro evento de rúa que se celebra nesta cidade, pois xa temos varias experiencias previas como un Campionato Galego de Atletismo, o Saltar na Rúa, o Campionato de España de Tríatlon ou o programa Saúde na Rúa. Somos pioneiros e estamos abrindo camiños para que outras administracións vexan que, sen présa pero sen pausa, se poden organizar eventos deste tipo e máis e mellor actividade física”, asegurou o edil do PSOE.

Fernández constatou que o Concello de Pontevedra ten “unha folla de ruta, que se basea en seguir facendo eventos, pero sempre baixo o principio de prudencia”. Na súa opinión, “o deporte estaría máis normalizado se a situación non tivese empeorado e, aínda que sempre hai irresponsables e insensatos que queren que se abran tódalas instalacións, pero son unha minoría, os clubs da cidade están actuando con sensatez e exemplaridade”.

O edil socialista indicou que “ao igual que aconteceu no Campionato de España de Tríatlon Sprint celebrado en agosto, para evitar aglomeracións de xente non compatibles coa situación sanitaria, o público non poderá acceder ás zonas de presaída, saída e meta”. “A saída -apuntou- realizarase de dous en dous, con 20 segundos de diferencia, co obxectivo de que durante a carreira a coincidencia de corredores sexa menor e se facilite o cumprimento das regras de distanciamento dispostas no regulamento, que son dez metros por diante e por detrás e dous metros lateralmente. O control das medidas e do regulamento reforzarase con voluntarios”.

Chamada ao sentidiño, ao uso da máscara e ao distanciamento social

A presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, fixo un chamamento para “que todos teñamos sentidiño e acatemos as normas de seguridade”, mentres que o secretario xeral para o Deporte afirmou que “estamos en tempos distintos, desgraciados, nos que hai que primar a saúde dos deportistas e dos cidadáns”. Para José Ramón Lete, “afortunadamente o deporte non parou, pero o distanciamento social e a máscara son as únicas medidas de protección capaces de frear os contaxios”, polo que “a mensaxe que debemos enviar é que o deporte pode se-la solución, sempre e cando sexa seguro e se faga nun destino seguro, e Galicia é un destino seguro”. “Non se trata de ir rápido, senón de ir seguro”, sinalou Lete Lasa.

Ao seu xeito de ver, “o deporte non debe entender de cores e en Pontevedra está sendo así”, cunha “colaboración perfecta entre o club, o Concello, a Xunta e a Federación” para sacar adiante “unha proba que ten un carácter histórico”.

Os/as deportistas terán que portar obrigatoriamente un dorsal no peito e outro no lombo, sen dobrar nin ocultar, ben visible. Aqueles participantes e acompañantes que proveñan ou estiveran nos últimos 14 días en territorios de alta incidencia epidemiolóxica por Covid e inescusablemente deberán comunicarllo de forma veraz ao Servizo Galego de Saúde a través do enlace ‘https://www.sergas.es/A-nosa-organizacion/Benvida-viaxeirxs?idioma=ga’, no que ademais se especifican cales son estas zonas. No día anterior á proba cada deportista recibirá no seu correo electrónico (presentado na inscrición) un documento para indicar que nos 10 días previos non percibiu en si mesmo síntomas compatibles coa Covid-19. Terá que cubrir con bolígrafo, asinar e entregar este documento impreso na entrada á zona de presaída (incluso poderá facelo antes de iniciar o quecemento).

Recoméndase o uso de máscara durante o quecemento, en especial cando non se poida garantir a distancia interpersoal, que durante o quecemento ha de ser superior a 5 metros. O quecemento poderá facerse oficialmente na zona da antiga Tafisa, sempre circulando pola dereita de calquera carril e cumprindo a normativa en vigor en referencia á mascara, á distancia de seguridade entre deportistas e á hixiene de mans. 

Os/as corredores/as deberán presentarse fisicamente na zona de presaída con mascarilla, preferiblemente desbotable, e non retirala ata recibir a instrución da organización xusto antes da saída.

A cerimonia de entrega de premios do Gran Fondo – Medio Maratón de Pontevedra 2020 efectuarase a partir das 12:30 horas na zona de meta. Os/as atletas con dereito aos premios deberán estar presentes na mesma, podendo delegar noutra persoa.