A Concellería de Desenvolvemento Sostible recibe un centenar de propostas veciñais para incorporar ao proxecto de reforma do parque de Pasarón

38
  • Dende a apertura do proceso de participación cidadá a principios de agosto, o departamento que dirixe Iván Puentes xa recibiu peticións e suxestións de 25 particulares para esta actuación
  • Manter o carácter verde do espazo, renovar e duplicar a superficie de parque infantil, incluír equipamento multideporte e vencellalo tematicamente ao Pontevedra CF son algunhas das propostas

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural abriu a principios de agosto un proceso de participación cidadá destinado a recoller as peticións e suxestións da veciñanza de cara a incluílas no proxecto de reforma integral do parque da rúa Luís Otero e deseñalo ‘á carta’ en base aos seus desexos. Segundo constata o edil responsable do departamento municipal, Iván Puentes, “os veciños volcáronse de tal xeito na redacción do proxecto que o Servizo de Parques e Xardíns leva recibidos ata a data correos electrónicos de 25 particulares cun total de 102 propostas, algunhas delas tan traballadas que parecen case anteproxectos ou documentos técnicos acompañados con fotografías e exemplos concretos”.

Entre os desexos e proposicións que os cidadáns lle trasladaron ao Concello de Pontevedra inclúense o mantemento do carácter verde do espazo (herba e árbores, evitando o cemento); renovar por completo e duplicar a superficie dedicada a parque infantil; incluír equipamento multideporte; deseñar un espazo interxeracional, con zonas para o uso e desfrute de persoas de tódalas idades, que funcione como núcleo de centralidade do barrio, e vencellar a reforma dende un punto de vista estético e temático á historia do estadio de fútbol de Pasarón e do Pontevedra CF.

Na lista de demandas, comentarios e ideas tamén se contemplan a mellora do alumeado; a creación de fontes diferenciadas para persoas e cans; o control de cans ceibos e das súas deposicións; a ampliación do número de bancos; a instalación dun rocódromo, dunha tirolina e de camas elásticas; a integración dun circuíto de calistenia; a substitución do estanque por un parque de auga; a inclusión de xogos tradicionais (como chave ou petanca); a colocación de mesas de pedra para picnic; a plantación de árbores de sombra; o incremento de papeleiras; a creación de lombos e covas no chan; a instalación de niños para paxaros; a eliminación do outeiro de pedra e terra que hai na parte superior do estanque para gañalo como espazo útil, ou a dotación de bambáns específicos para bebés.

“Facendo un exercicio case apoloxético da austeridade, hai tamén un veciño que nos propón non facer ningunha obra, algo que, dada a proactiva e entusiasta resposta da cidadanía, obviamente non nos plantexamos. O parque de Pasarón e a súa área de xogos infantís son dos máis antigos de Pontevedra -subliña Iván Puentes-, atópanse situados nunha zona de enorme expansión e crecemento poboacional da cidade e (a pesar dos traballos de limpeza e desinfección en profundidade que se efectuaron este verán) atópanse nun estado de bastante deterioro. A súa reforma é unha prioridade para a Concellería”.

Unha obra de máis de 200.000 euros

O edil de Desenvolvemento Sostible amosouse tremendamente satisfeito ante os resultados desta convocatoria de participación veciñal que “arroxou unhas propostas de enorme utilidade para o deseño do plan de reforma”. Unha vez que finalice a fase de redacción e o Servizo de Parques e Xardíns dispoña dun anteproxecto, este será exposto á cidadanía pontevedresa para consultala novamente antes de proceder á licitación do proxecto definitivo, que contará cun orzamento de máis de 200.000 euros.

En todo caso, Iván Puentes asegura que “a accesibilidade das persoas con diversidade funcional, tanto dende o punto de vista de acceso ao recinto de xogos como da propia utilización dos mesmos, será unha cuestión esencial na reforma do parque de Pasarón”. Asemade, a Concellería de Desenvolvemento Sostible quere acadar un contorno seguro o lecer infantil, así como no que atinxe ás condicións sanitarias e de prevención da Covid-19 para as persoas usuarias.

O concelleiro considera que o proceso de deseño e concepción dos espazos nos que se desenvolve a vida da cidadanía, e en particular nos da rede Verde Urbano, deben atender ás necesidades vitais e ás dinámicas sociais dos barrios, polo que ten a intención de coñecer de primeira man o xeito en que os veciños fan uso destes lugares, así como as súas propostas e inquedanzas. Con tal motivo, o edil socialista puxo a disposición de tódolos veciños a dirección de correo electrónico ‘verdeurbano@pontevedra.eu’ para que puidesen enviar as súas propostas ao equipo redactor do proxecto de reforma do parque da rúa Luís Otero.

No entanto non se acomete esta importante actuación, o departamento que dirixe Puentes levou a cabo diversos arranxos no parque cun investimento de 3.500 euros e unha medición topográfica previa á redacción do proxecto de mellor cun orzamento de 5.750 euros, así como tarefas de limpeza e desinfección deste espazo verde, o baleirado da súa fonte e dúas desratizacións.