#PonteLovers inaugura a plataforma de compra online ‘E-Ponte.com’ con 115 comercios adheridos

29
  • O marketplace foi presentado hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, acompañada polo deseñador da web, Miro Justo, e os comerciantes María José Pazos e Manuel López
  • A e-tenda inclúe un enlace directo co portal ‘PonteAbastos.com’, a posibilidade de que os usuarios poidan reservar as súas citas e servizos e recomendacións das mellores ofertas do día

Chegou o gran día. A pandemia inaugurou unha era de comercio online e a plataforma #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, inaugurou hoxe o marketplace ‘E-Ponte.com’, que permite dispoñer de tódolos produtos e servizos comerciais da cidade á distancia dun click. A e-tenda comeza a súa andaina con 115 empresas adheridas, inclúe un enlace directo ao portal do Mercado ‘PonteAbastos.com’, a posibilidade de que os usuarios poidan tramitar reservas de citas e servizos e recomendacións das mellores ofertas do día.

A web municipal de comercio online, posta en marcha grazas a un orzamento de 8.000 euros, foi presentada esta mañá nun acto que contou coa presenza da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o deseñador da páxina, Miro Justo, cofundador da firma TokApp, e os comerciantes María José Pazos (do centro especializado no tratamento do cabelo María José Pazos) e Manuel López Vega (da Clínica Dental Garrido Madarnás). Tal e como explicou Yoya Blanco, o seu departamento leva traballando varios meses neste proxecto, ofrecendo tamén formación ás empresas interesadas de xeito presencial e a través de webinars, “xa que hai unha xeración enteira acostumada á dixitalización e a empregar redes, marketplace e comercio online, pero hai outra á que lle custa un pouco máis”.

A edil socialista suliñou que a lista de pemes inscritas “é unha lista viva, porque poden seguir inscribíndose empresas, autónom@s, comerciantes”, e que “este é o momento para que os #PonteLovers utilicemos a nosa plataforma, non outra, a plataforma que permite mercar no comercio local e axudar aos nosos”. “A pandemia restrinxiu a presenza nos comercios e trouxo consigo o desenvolvemento do comercio online, así que debemos sumarnos, pero apostando polo noso”, asegurou.

A concelleira de Promoción Económica indicou que os negocios que nos podemos atopar en ‘E-Ponte.com’ son “de todo tipo” e que a páxina resulta “moi sinxela de empregar pola cidadanía”, mesmo para aqueles con menos coñecementos informáticos e tecnolóxicos.

Dispoñer dun novo escaparate, dun empregado máis

Miro Justo destacou o feito de que o novo marketplace “non é só unha plataforma para a venda online de produtos e servizos, senón que ten un apartado para reservar citas e servizos, o que é un punto diferenciado deste portal con respecto a outros e-commerce, xa que os clientes soen facelo habitualmente por teléfono”. O coordinador do equipo que deseñou a web afirmou que os comerciantes estanse a embarcar por primeira vez nunha aventura que permite “dispoñer dun empregado máis, un escaparate máis, unha ferramenta moi útil que, neste contexto de dificultades que trouxo a Covid-19, lles axudará a paliar esa perda de vendas que se está a producir no comercio presencial”.

Segundo precisou o cofundador de TokApp, a páxina ‘PonteAbastos.com‘ non só foi mellorada en relación á orixinal, senón que se introduciu a opción de facer “unhas recomendacións do día, como por exemplo uns xurelos, porque poden ser máis abundantes ou estar mellor ese día”. “Temos inscritas carnicerías, froiterías, queixerías e florarías, polo que, nunha soa compra, podemos facer un paquete completo de produtos que nos leven a casa no mesmo día”, apuntou Justo.

Os envíos a domicilio comezarán inicialmente no noso contorno máis próximo (códigos postais do 36001 a 36005), se ben está previsto que esa distribución de produto fresco se poida facer nun futuro a nivel nacional. Non obstante, un convenio con Correos permite o envío de paquetería cunhas tarifas moi accesibles para os clientes e repartos en prazos de 48 horas a todo o territorio nacional, mentres que a empresa pontevedresa Pedaleando, especializada en transporte ecolóxico, encárgase do reparto a nivel local (en función da proximidade, salta automaticamente unha ou outra empresa).

“Trátase de darlle tódalas comunidades ao comerciantes, xa que só ten que subir os seus produtos e a plataforma se encarga de facerlle o ingreso e contactar coa empresa de loxística para o envío. Temos en cola moitos comercios interesados, pero hai que formalos previamente. Estamos nunha etapa inicial, co obxectivo de chegar a Nadal cun portal enriquecido e cunha boa variedade, diferente dos demais, porque sabemos que imos comprar só ao comercio de Pontevedra”, suliñou Miro Justo.

Os propios empresarios son os que se encargan de xestionar a subida de produtos aos seus respectivos espazos na web, polo que dispoñen do seu marketplace dentro do marketplace do Concello. Os prezos do transporte a domicilio poden variar en función da distancia ao lugar de envío e do peso do produto: os de carácter local están en 2,99 euros (IVA incluído), ata dez kilos e, no caso de que a compra se faga dende Ourense ou Madrid, introdúcense o código postal e o peso do artigo, oscilando por exemplo por un paquete de tres kilos dos 3,20 (Ourense) aos 3,80 euros (Madrid).

Un xeito de chegar aos clientes e de darse a coñecer

Os comerciantes adheridos ao marketplace amósanse entusiasmados coa iniciativa. Manuel López, da Clínica Dental Garrido Madarnás, agradeceu a Yoya Blanco e ao seu equipo que “nos brinde esta oportunidade, porque hoxe en día é moi importante ser visibles en internet e o Concello facilítanos isto dun xeito bastante interesante”. “Eu estou na zona da Parda e moitos clientes descoñecen os comercios existentes neste barrio, polo que se somos visibles nun portal, iso pode motivar que, en lugar de desprazarse un quilómetro ou dous, a xente quede no contorno no que vive e se potencie o comercio da zona”, sostén.

Neste mesmo sentido, María José Pazos, que rexenta un centro de coidado capilar na rúa Francisco Tomás y Valiente e que se animou a participar por considerar “que isto é agora mesmo importantísimo”, asegurou que “tal e como están acontecendo as cousas, é necesario que cidadáns de Pontevedra e de todo o mundo coñezan os marabillosos produtos e servizos dos que dispoñemos en Galicia”.