O concelleiro Marcos Rey pide colaboración cidadá para dar co autor ou autores do envelenamento de gatos en Conde de Bugallal

236
  • O edil de Benestar Animal advirte de que o seu departamento “vai estar moi vixilante para que estes actos delitivos non se volvan producir e os desalmados que os fagan paguen caro por eles”

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, amosou hoxe a súa “absoluta repulsa” ante o envelenamento acontecido na colonia de gatos esterilizados que a asociación Difusión Felina e o Concello teñen controlada na rúa Porta Grande, no contorno de Conde de Bugallal. O edil socialista solicita a colaboración cidadá para poder dar co autor ou autores “deste acto que, á marxe de incívico, cruel e inmoral, é un acto delitivo no que dous animais perderon a vida tras pasar por un calvario de dor e sufrimento”.

Rey asegurou que o seu departamento “vai estar moi vixilante” para que estas “inhumanas accións” non se volvan producir e advertiu “que aqueles desalmados que as protagonicen pagarán caro por elas”. Non obstante, o caso xa foi denunciado por Difusión Felina ante o Seprona e a Policía Nacional e, como lembrou o concelleiro de Benestar Animal, “se trata dun delito tipificado nos artigos 336 e 337 do Código Penal”.

Segundo apuntou Marcos Rey, “o Concello traballa coordinado coa asociación pontevedresa para que as colonias felinas estean esterilizadas e controladas, alimentándose de xeito seguro e cumprindo coas medidas pautadas por Medio Ambiente, polo que non supoñen ningún tipo de perigo sanitario ou de hixiene para outros animais e persoas”. “O que si supón un perigo para todos é que algúns individuos carentes de empatía se dediquen a infestar os nosos barrios con velenos letais”, suliñou o edil do PSOE.

A colonia de Conde de Bugallal contaba con cinco gatos, dos que dous faleceron por mor do emprego de veleno de caracol (segundo constataron dúas clínicas veterinarias de Pontevedra).

Marcos Rey instou aos veciños da zona e á cidadanía pontevedresa en xeral a achegar información que permita identificar ao autor ou autores do envelenamento a través do correo ‘difusionfelinapontevedra@gmail.com’.