O mural en homenaxe á señora señora Lola será inaugurado a vindeira semana

22
  • Quedará rematado o vindeiro luns e, ao longo da semana, realizarase un acto simbólico con representación de todas as persoas implicadas no proxecto, desde a familia e as propietaras do edificio ata representantes do Pontevedra CF
  • É o primeiro mural do pintor Yoseba Muruzábal na cidade e  inmortaliza á señora Lola como “custodia do Pontevedra”

O mural da señora Lola inmortalizada nunha medianeira diante de Pasarón quedará rematado segundo previsión do seu autor, o pintor Yoseba Muruzábal, o vindeiro luns. E será ao longo da vindeira semana, e antes de que o Pontevedra CF xogue o seu primeiro partido da tempada na casa, cando se inaugure oficialmente nun acto simbólico pero con aforo moi reducido por mor do protocolo Covid, e tratando de dar cabida a todas as persoas implicadas no proxecto, como familiares da señora Lola, as propietarias do edificio, o Pontevedra CF, ou o fotógrafo Miguel Vidal e o Diario de Pontevedra pola cesión dunha das fotografías que sirven de modelo para o mural. Anunciouno está mañá o concelleiro de Memoria Histórica e Urbanismo, Xaquín Moreda, quen asegurou que “tanto polo que supón a señora Lola como pola calidade artística do traballo vemos que está causando moita expectación e esperamos que cando remate siga sendo un lugar de visita”.

Xaquín Moreda, que visitou esta mañá os traballos de creación do mural, lembrou que esta iniciativa xorde como unha acción transversal entre as áreas de Memoria Histórica, a través do programa ‘A memoria das mulleres’ para poñer en valor a biografía de mulleres de Pontevedra, e a área de Urbanismo, a través do ‘Plan de mellora da paisaxe urbana’ para actuar sobre aqueles elementos que desentoan na paisaxe da cidade. Neste sentido, asegurou que “a cidade nestes últimos anos cambiou moito pero con estas pequenas accións podemos mellorala, e este mural servirá como proba para posibles accións noutras medianeiras”. 

A custodia do Pontevedra

O pintor Yoseba Muruzábal salientou a posición do mural, e especialmente a parte dereita  (mirando de fronte) na que a señora Lola queda inmortalizada mirando cara a Pasarón. “Este retrato, que é precioso, está todo o tempo mirando para o estadio e ten aí como un tema de custodia do Pontevedra” afirmou. 

O autor do mural asegurou que os seus “pronósticos foron acertados” a respecto da dificultade de traballar sobre unha superficie ondulada e un material como a uralita. “Era a primeira vez e non sabía como atacarlle” indicou, ao tempo que explicou que na parte específica do retrato chegou a borralo catro veces ata acadar o definitivo. Volveu lembrar as diferencias deste mural sobre os que soe facer e, a traballar nun material ondulado,  engadiu non coñecer persoalmente á modelo e pintar en branco e negro. Sobre a cuestión do branco e negro asegurou que “é máis discreto pero funciona moi ben a nivel estético”.

Convén lembrar que este mural, atendendo ás características da medianeira que está dividida en dúas partes, está composto por dúas imaxes: un retrato da señora Lola a partires dunha fotografía facilitada pola familia e unha imaxe da señora Lola cos brazos erguidos celebrando un gol, a partires dunha foto proporcionada polo arquivo do Diario de Pontevedra e da autoría do fotógrafo Miguel Vidal. Na imaxe da señora Lola celebrando un gol, Yoseba Muruzábal incluirá unha bengala de fume, no que será un dos poucos elementos de cor e que suporá o que el mesmo denominou “un punto irónico, que é algo que forma parte da miña obra e iso fai que sexa un pouco máis miña.”

COMPARTIR