Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro súmanse ás pavimentacións na cidade

64
  • Os fresados e asfaltados están fixados para mañá e para o martes, se o permiten as condicións meteorolóxicas.
  • A Concellaría de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos que dirixe Eva Vilaverde continúa coa programación de reposición do firme para este mes con Casimiro Gómez, o entronque de Perfecto Feijoo con Barcelos, ou Daniel de la Sota.
  • Xa están rematadas: Alexandre Bóveda, Celso Emilio Ferreiro, Avenida do Uruguai e de Bos Aires, Cordón e Santiña.

A Concellaría de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que xestiona Eva Vilaverde, continúa esta semana a súa folla de ruta no sostemento da cidade, ao incorporar tres vías novas ao plan de reposición do firme que se iniciou a primeiros de mes. Estas pavimentacións súmanse a outras liñas de traballo abertas como a mellora dos espazos peonís (beirarrúas, prazas…) e a reparación do mobiliario urbano, centrado nestes momentos, nos bancos da cidade.

Os asfaltados previstos para luns e martes, se o tempo acompaña, son en Eduardo Pondal, Doce de Novembro e Alcalde Hevia, onde determinados tramos do firme xa teñen esgotada a súa vida útil polo uso, e é preciso pavimentar certos panos da calzada.

Eduardo Pondal, Alcalde Hevia, Doce de novembro

En Eduardo Pondal a pavimentación parcial da rúa comezará mañá, luns, a partir das 15.00 horas no tramo comprendido entre Doce de novembro e a rúa da Estación. En principio non supón cortes de tráfico que será dirixido con pasos alternativos.

Tamén mañá está programado o asfaltado do primeiro tramo da rúa Alcalde Hevia, entre María Victoria Moreno e San Pedro Alcántara. Farase inicialmente o fresado da calzada e, a continuación, o seu asfaltado.

Neste caso será preciso pechar a rúa polo que os vehículos poderán circular cara Iglesias Vilarelle ou Augusto García Sánchez.

Para o martes, 20 de outubro, súmase a este plan de pavimentacións a rúa Doce de novembro. En concreto a rotonda coa rúa Teixoeira. Neste punto tamén está previsto un fresado previo e un asfaltado a continuación.

A Policía Local en colaboración co departamento de Mantemento dos Espazos Públicos elaboraron un plan de tráfico para a zona mentres duren os traballos ao longo da xornada.

Cordón, Santiña, Alexandre Bóveda, Casimiro Gómez…

Estas novas pavimentacións incorpóranse ás xa feitas durante estes dez días e completaranse con outras antes de que remate o mes, dependendo das condicións meteorolóxicas.

Xa está acabada a pavimentación da rúa Cordón e algúns tramos da rúa da Santiña, ambas no barrio do Burgo, realizados durante as xornadas do xoves e do venres. No caso da Santiña son traballos de sostemento necesarios até que non se inicie a súa reparación completa o ano que vén.

Tamén se incluíron neste plan de reposición do firme a rúa Alexandre Bóveda e Celso Emilio Ferreiro, para acondicionar os accesos á zona escolar e universitaria;  e as avenidas do Uruguai e de Bos Aires, onde se actuou diante do náutico e na traseira do Mercado de Abastos, respectivamente.

A concelleira Eva Vilaverde tamén incluíu neste plan de reposición do firme para executar antes de fin de outubro (ademais das que se inician mañá e o martes), Casimiro Gómez, o entronque de Perfecto Feijoo con Barcelos ou a rúa Daniel de la Sota.

Segunda fase de reposición da capa de rodadura

Esta planificación da Concellaría de Mantemento do Espazos Públicos Urbanos correspóndese coa segunda fase das obras de rehabilitación da capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade nos que se teñen detectado desperfectos e deterioro e que vén complementar a actuación xa realizada nos meses de maio e xuño. 

Deste xeito, o departamento que dirixe Eva Vilaverde continúa co labor de manter a cidade en óptimas condicións. A concelleira asegura que “unha vez rematado o verán e tendo en conta que seguimos traballando polas zonas peonís do centro que son absolutamente prioritarias para nós, desde o departamento de Espazos Públicos Urbanos consideramos que é necesario esta segunda fase de reposición de firme que nos permita manter o estándar de calidade naquelas outras zonas onde polo seu uso o pavimento está máis deteriorado”.