Pontevedra conmemora o Día Mundial da Diabetes cunha Volta a España, a VII Milla Solidaria Anedia, talleres de apoio psicolóxico e contacontos

142
  • A cidade será sede da única etapa galega da Volta a España virtual, incluída no programa deseñado por Anedia e as concellerías de Deportes e de Benestar Social co gallo do 14 de novembro

A participación de Pontevedra na Volta España pola Diabetes, a celebración da VII Milla Solidaria Anedia, a realización de talleres formativos e de apoio psicolóxico e a celebración dun espectáculo de contacontos en varios centros educativos da cidade son as principais actividades programadas pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia) e as concellerías de Deportes, Actividade Física e Saúde e de Benestar Social co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes. Os eventos conmemorativos desta sinalada data, que en 2020 se adica ao importante papel dos enfermeiros na atención aos pacientes con diabetes, foron presentados esta mañá nun acto que tivo lugar na Sala de Prensa do Concello e que protagonizaron o tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro socialista Marcos Rey; o delegado da Fundación Diabetes Cero en Pontevedra, Salva Budiño; e os membros e colaboradores de Anedia Charo Lafuente, Gonzalo Méndez e Sonia Fontán.

Segundo indicou o edil de Deportes, Actividade Física e Saúde, Anedia decidiu sumarse, xunto con outras asociacións de todo o territorio nacional, á Volta España pola Diabetes – Kilómetros pola Diabetes, “un evento impulsado pola Fundación Diabetes Cero (orientada á investigación da diabetes tipo 1) e por Diabetes Madrid, cuxa etapa 14 está dedicada a Galicia, concretamente a Pontevedra, e que terá lugar entre o 28 de outubro e o 2 de novembro”. Fernández precisou que “se trata dun reto virtual apto para tódalas idades, consistente en sumar quilómetros e no que se poderá participar en diferentes modalidades: camiñar, correr, nadar e ciclismo”.

“Parécenos unha boa oportunidade para que moita xente se achegue ao deporte ou siga practicándoo a pesar da situación actual -asegurou o socialista- e tamén para comezar a medir resultados mediante o emprego da tecnoloxía, con aplicacións, smartphones e/ou pulseiras de actividade, xa que a actividade física é un indicador fundamental en saúde. En Galicia, as inscricións faranse a través de Anedia na páxina web ‘carreirasgalegas.com’ e o importe dos dorsais solidarios virtuais será para financiar proxectos de Anedia e Diabetes Cero”.

Salva Budiño precisou que a Fundación Diabetes Cero dispón de 17 delegacións por todo o Estado e que este reto leva precisamente asociado o cumprimento de 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, “que se corresponden coas 17 etapas previstas e que, no caso da número 14, a de Pontevedra, teñen que ver coa vida submarina”. Para traballar neste último punto cóntase coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas pertencente ao CSIC.

Sempre cun ollo posto no devir da situación sanitaria, o calendario de actividades contempla a celebración, o 14 de novembro, coincidindo co Día Mundial da Diabetes, dunha proba deportiva ‘clásica’ como a VII Milla Solidaria Anedia. Tal e como apuntou Gonzalo Méndez, o evento “debe adaptarse obviamente á situación actual, polo que está previsto que se desenvolva nas pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e cun aforo restrinxido a un máximo de 200 participantes”, emitíndose en streaming “para que tod@s a podamos seguir en directo” e contando con clubs convidados que teñen nas súas filas atletas afectados pola diabetes tipo 1.

Charlas para familias con fillos pequenos e adolescentes

A maiores das actividades deportivas, Anedia desenvolverá, como en anos anteriores, charlas formativas, que nesta ocasión daranlle prioridade á parte psicolóxica (que se fai máis necesaria nestes momentos). Neste sentido, o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembrou que a diabetes tipo 1 “é unha enfermidade que require un esforzo persoal moi grande e constante, polo que esta axuda é fundamental para as familias”. “Haberá talleres orientados a familias con fillos pequenos, a adolescentes e tamén aos casos de recente diagnóstico. As primeiras sesións terán lugar os días 12, 14 e 26 de novembro”, subliñou Rey.

A programación conmemorativa deseñada por Anedia e o Concello incluirá a iluminación da Casa Consistorial con luz de cor azul entre os días 13 e 14 novembro.

Asemade, Anedia tamén colabora coas concellerías de Deportes e de Educación do Concello de Pontevedra para poder levar a varios centros educativos da cidade un espectáculo de contacontos protagonizado por Raquel Queizás, para nen@s de entre 7 e 12 anos, e especialmente orientado a aquelas aulas nas que existan menores con diabetes nas etapas de Infantil e Primaria. Ao mesmo tempo, porase a disposición dos colexios unha serie de recursos, como libros, vídeos e outras ferramentas adaptadas á situación actual, para que poidan traballar na aula.

Charo Lafuente afirmou que “este ano máis que nunca queremos darlle as grazas polo seu traballo aos distintos profesionais sanitarios”, xa que “para os pacientes con diabetes, esta pandemia deixou claro que é fundamental proporcionar recursos e preparar aos pacientes e as súas familias para xestionar o mellor posible a enfermidade coa axuda da tecnoloxía”. “Temos que ter presente que unha persoa con diabetes tipo 1 pode adicar 9.000 horas ao ano á xestión da mesma e pasa menos de catro horas co seu pediatra ou endocrino anualmente. O emprego da tecnoloxía xa está moi estendido no emprego da diabetes, o que permite que os pacientes que tiñan sensores e/ou bombas de insulina poidan compartir os seus datos cos profesionais e levar a cabo consultas virtuais, pero continuamos a ter eivas graves, como non contar cun equipo disciplinar que teña presente un soporte psicolóxico especializado”, explicou.

Dende Anedia inciden en que “resulta agotador xustificar constantemente as decisións sobre o que comes, a actividade física, a insulina que tés que administrarte, contar tódolos hidratos que inxires…”, sen dispoñer de días libres nin descanso, “o que é unha lousa sobre os pacientes e as familias”. Por este motivo, fan fincapé na necesidade dunha atención integral e de calidade dos pacientes, na que teñan cabida todos e cada un dos profesionais que precisan (endocrinos, pediatras, enfermeir@s, dietistas, psicólog@s, podólog@s…).

A Fundación Diabetes Cero e Anedia tamén elaboraron un manifesto que están a entregar a institucións e administracións colaboradoras como o Concello de Pontevedra e no que se salienta a importancia apostar de xeito decidido pola tecnoloxía de cara a mellorar a calidade de vida dos afectados e de non descoidar os investimentos en investigación, así como de reclamar o seu lugar “como pacientes e asociacións, para poder estar presentes” e que se lles consulte cando se adoptan decisións que afectan ás súas vidas. “Convidamos a tódalas persoas a participar neste Día Mundial da Diabetes -reza o manifesto- e a reflexionar sobre o modelo actual de atención á diabetes e sobre como cada un de nós pode facer algo para melloralo”.