‘Ponte a Punto’ regresa en novembro en formato virtual cun elenco de relatores no que figuran Teresa Viejo, Anne Igartiburu e Miriam Fernández

38
  • O IX Congreso Acelerador do Desenvolvemento Persoal, impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers, terá lugar entre os días 14 e 21 do vindeiro mes
  • Os webinar, emitidos en directo por Neuroplanet, contarán con outros nomes destacados como Emilio Calvo, Majo Cascales, Laurent Rousseau, Montse Hidalgo, José María Toro e Enrique Monís

A novena edición de ‘Ponte a Punto’, o Congreso de Desenvolvemento Persoal impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers, celebrarase en formato exclusivamente virtual entre os días 14 e 21 de novembro. Os webinar, que se emitirán en directo vía streaming para todo o mundo por Neuroplanet, serán impartidos por un elenco de relatores entre os que figuran nomes como os de Teresa Viejo, José María Toro, Montse Hidalgo, José Antonio Fernández Bravo, Majo Cascales, Laurent Rousseau, Anne Igartiburu, Enrique Monís, Miriam Fernández e Emilio Calvo.

As vídeoconferencias tocarán temas de tanta actualidade como a resiliencia, a educación en valores, a xestión das emocións en situacións adversas da vida, o benestar mental e a mellora das relacións con un mesmo e cos demais, e por suposto, cuestións vencelladas á motivación e á superación persoal, achegando ferramentas, estratexias e grandes doses de inspiración para xestionar as emocións e levar mellor o contexto que estamos a vivir coa pandemia. Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, esta IX edición de ‘Ponte a Punto’ transformouse a raíz da Covid-19 “para converterse temporalmente nun proxecto formativo 100% virtual mediante webinars e, neste formato, terá a duración dunha semana completa, desde o sábado 14 ao sábado 21 de novembro”. “Os horarios -sinala- serán bastante accesibles: os sábados, de 10:00 a 13:00 horas, e o resto da semana, de 21:00 a 22:00 horas”.

O pontevedrés José Luis Bouzas, director da empresa de formación Docensa e coordinador do evento, destaca “a importancia de que un ano máis este congreso poida levarse a cabo grazas ao apoio da Concellería de Promoción Económica e que se ademais se emita dende Pontevedra para todo o mundo”. Bouzas subliña que ‘Ponte a Punto’ é un foro dirixido “a tódalas persoas que queren desenvolver unha actitude de vida máis plena, feliz e íntegra”. “Un congreso -afirma- que pretende espertar conciencias e inspirar ás persoas para conseguir a mellor versión de si mesmas e axudarlles a desenvolver o mellor do potencial humano para aplicalo no persoal e no profesional”. 

Tal e como destaca Yoya Blanco, “a novidade máis importante deste ano é a emisión do evento en directo para todo o mundo a través de streaming”, con interesados de distintos puntos da xeografía española e de fora das nosas fronteiras: “dende varios países de Sudamérica (Arxentina, Uruguai Perú, Colombia ou México) e Estados Unidos a cidades europeas como París, Londres e Lisboa”. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico ‘docensa@gmail.com’, o teléfono 986 86 39 49 ou o whatsapp 619 21 72 18, así como na web ‘www.ponteapunto.es’.

Os relatores desta IX edición:

  • Anne Igartiburu: comunicadora e presentadora de TV dende fai máis de 25 anos, experta en Coaching por Valores, formada en PNL (Programación Neurolingüística) con John Grinder e Tony Robbins en Londres e divulgadora de Desenvolvemento Persoal nas súas canles de YouTube e Instagram con milleiros de seguidores.
  • José Antonio Fernández Bravo: doutor en Ciencias da Educación, licenciado en Filosofía, diplomado en Maxisterio, máster de Formación en Docencia e Investigación para a Educación Superior e investigador para a innovación educativa en España, Canadá, USA, Paraguai, Perú, Colombia, México, Alemaña e Italia, así como colaborador do departamento de Primeira Infancia e Educación Inclusiva da Unesco.
  • Teresa Viejo: licenciada en Xornalismo pola UCM, onde tamén se formou en Socioloxía, no seu currículo sucédense programas de TV, sendo os máis recentes ‘Dime qué fue de ti’, en TVE, e ‘El lado bueno de las cosas’. Foi a primeira xornalista encargada de dirixir un matinal na radio e desde fai sete anos dirixe ‘La observadora’, de RNE. Converteuse na primeira muller á fronte da revista de información xeral Interviú. Colaboradora de ‘Saber Vivir’ (TVE) coa sección ‘La experiencia de vivir’.
  • José María Toro: profesor de Educación Primaria, escritor e relator internacional. Actualmente centra o seu labor investigador e divulgador en aspectos tales como o desenvolvemento de actitudes creativas na vida cotiá, a formación persoal de pais, mestres e outros colectivos profesionais, a educación desde os valores, a pedagoxía emocional e a meditación. 
  • Montse Hidalgo: experta en Neurociencia, Intelixencia Emocional, Coaching e PNL. Licenciada en Xornalismo e formada con mentores de fama mundial como Anthony Robbins, T Harv Eker, Deborah Torres Patel, Eduard de Bono, John Withmore, Julio Olalla, Eduardo Punset, Robin Sarman, Blair Singer e Jill Sellma, imparte clases de Neurociencia nas facultades de Psicoloxía e Economía da Universidade de Salamanca. É socia fundadora de ‘Con-Fluir, Coaching e Procesos de Desenvolvemento’, directora da Universidade da Felicidade, conferenciante internacional, escritora e colaboradora de diferentes medios de comunicación.
  • Laurent Rousseau: licenciado en Enxeñería Superior, certificado en Neurociencia Motivacional, Linguaxe Non Verbal e Alto Rendemento. Mentor e speaker internacional e experto en liderazgo e vendas, axuda a líderes a nivel mundial a conseguir un alto rendemento, ensinándolles a priorizar e alixeirar a súa mochila para lograr o cambio. O seu mantra é ‘Non hai éxito sen axudar aos demais’. Laurent destaca polo seu humor, a súa enerxía e a súa extraordinaria capacidade para provocar cambios e conseguir grandes obxectivos.
  • Majo Cascales: dedicada á transformación persoal, a espiritualidade axudouna a crear unha nova arquitectura mental aprendendo unha nova forma de pensar. Esa mirada profunda converteuna nunha das adestradoras en procesos de cambio e transformación persoal máis importantes na actualidade con máis de 10 anos de experiencia adestrando persoas. É autora do libro ‘Es fácil dejar de sufrir si sabes cómo’.
  • Enrique Monís: terapeuta comprometido coa saúde integral e o desenvolvemento da conciencia. A súa misión é a difusión universal de contidos para a mellora da consciencia espiritual, mental e física. Dende fai anos imparte conferencias e talleres sobre a conexión do ser humano coa Fonte, tal como el a denomina e como puido experimentar. É experto en enerxía Takiónica.
  • Miriam Fernández: conferenciante, actriz, cantante e escritora (publicou ‘Los cometas de Miriam’), así como campiona de España de Natación, ‘talent’ de La Voz 2019 e gañadora da segunda edición de ‘Tú sí que vales’. Achegará unha historia chea de valores como a superación, o amor cara un mesmo e cara os seres queridos, gañas de vivir e capacidade para converter aquelo que a priori parece negativo en oportunidades para crecer e ser máis feliz. Ao nacer diagnosticáronlle unha parálise cerebral que lle ía impedir camiñar, pero, con esforzo, amor e apoio da súa familia adoptiva, puido logralo.
  • Emilio Calvo: coach, formador, escritor e creador do Método Activa, que reúne o mellor de tódalas formacións e técnicas que viviu. Con este método desenvolveu programas online e ao vivo, que levan ás persoas a despertar todo o seu potencial interior. En 2017 creou a Fundación polo Cambio, que leva estas ferramentas aos colectivos máis desfavorecidos. Autor do libro ‘Elige Tu Destino’, que transformou a vida de milleiros de persoas.