Comeza a creación dunha nova praza pública no lugar do Ramallás, en Lérez

188
  • Faise nunha parcela expropiada polo Concello en 2018, que serviu para ampliar a vía que une o Ramallás co centro de saúde.
  • A Concellaría de Rural xa construíu un muro de contención. Instalará todas as canalizacións (pluviais, fecais e eléctricas) e creará unha praza pública con lastro, farois led e árbores.
  • O investimento de toda a actuación é de 168.000 euros incluíndo a expropiación da parcela, o saneamento do lugar do Ramallás e o acondicinamento do parque.

A Concellaría do Rural, que xestiona a concelleira Pilar Comesaña na parroquia de Lérez, comezou nestes días a executar unha nova praza pública na entrada ao lugar do Ramallás, dende a rúa Cruceiro. Trátase de crear unha zona de estancia e encontro veciñal moi próxima ao centro de saúde nun espazo expropiado polo Concello en 2018, e que completa unha actuación integral formada pola expropiación previa, a instalación do saneamento e pavimentación de todo o lugar do Ramallás e o acondicionamento do parque; un investimento global que supera os 168.000 euros.

A actuación atópase na estrada Cruceiro, pasado o centro de saúde de Lérez e a estrada de Monte Porreiro a Médico Ballina, á altura do cruzamento de acceso ao lugar do Ramallás. Trátase dunha segunda fase de actuación nunha parcela expropiada polo Concello no ano 2018 por valor de 15.000 euros. Aquela compra fixérase co fin de ampliar o acceso rodado a este lugar da parroquia de Lérez, xa que era moi angosto e con falta de visibilidade, o que resultaba moi perigoso para peóns e condutores.

A primeira actuación consistiu, ademais da expropiación, en ampliar a estrada e habilitar beiravía por un dos lados do sentido de circulación, creando, a día de hoxe, unha estrada de dobre dirección. Aquela intervención culminou co asfaltado de toda a vía aproveitando a instalación do saneamento no lugar. O investimento foi de 105.300 euros e rematouse en xullo de 2019.

O novo parque

Naquel momento xa se traballa en darlle contido á parcela recentemente adquirida polo Concello, proxecto que se puxo en marcha nestes días.

No espazo sobrante da parcela, o Concello traballa na creación dun parque ou zona de estancia para a veciñanza. Xa está construído un muro de contención con bloques de granito de 4 metros de altura para explanación do terreo; e tamén se fixo o recheo da zona.

A proposta da concelleira Pilar Comesaña contempla a creación unha praza pública con lastro que estará dotada con recollida de augas pluviais, canalización de augas fecais, instalación de 4 farois led e mobiliario urbano. Tamén disporá dunha varanda que separará os tráficos peonís dos motorizados e rematarase coa plantación dun castiñeiro de indias, un Cercis Siliquastrum (comunmente chamada árbore do amor) e unha magnolia de flor.

Esta segunda fase de intervención ten un orzamento de 48.378,03 euros e está previsto que remate antes de final de ano.