O cruzamento de Benito Corbal con De la Sota e Cobián Roffignac converterase nunha praza circular

104
  • Substituirase o actual asfalto vermello por formigón negro e unificarase o espazo coas beirarrúas as través de bordos circulares 
  • A actuación, que ten unha duración prevista de aproximadamente de dúas semanas, conleva un plan especial de tráfico

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, informou esta mañá de que desde o seu departamento en colaboración co de Sostemento de Espazo Público se levará a cabo unha intervención para transformar o cruzamento da rúa Benito Corbal con Daniel de la Sota e Cobián Coffignac nunha praza cicular. O proxecto consiste en substituír o actual asfalto vermello por formigón puído confinado entre bandas de pedra.

O obxectivo é, en palabras de Demetrio Gómez “facer unha dignificación deste espazo tal e como corresponde a unha zona que está á beira do centro histórico”. O concelleiro explicou que as reparacións no asfalto de cores son difíciles e complexas e que non compensan, polo que se tomou a decisión de “substituír ese asfaltado vermello por unha praza algo máis noble e convertir ese cruzamento xa definitivamente nun espazo de estancia, de preferencia peonil, e de alta calidade urbana”.

Tamén indicou que na intervención se van utilizar solucións que xa están probadas en Pontevedra que son, un por un lado, o pavimento de formigón puído que deixa á vista os áridos como está por exemplo na cabeceira norte da ponte do Burgo, e por outro o uso de bordos circulares como por exemplo na praza do cruce da rúa da Seca con Casimiro Gómez e Fernando Olmedo. Ademais, aproveitaranse os bordos circulares para integrar e unificar as beirarrúas no conxunto da futura praza. 

A actuación, que ten un orzamento de 48.000 euros e será executará pola empresa COVSA, ten un prazo de execución de arredor de 2 semanas. Durante as obras cortarase o tráfico nesa zona o que implicará un plan especial de tráfico nas rúas desa área.

O concelleiro de Obras Urbanas informou deste proxecto na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, na que tamén se deu conta do estado das obras en marcha tanto no espazo urbano como no rural. Lembrou que no espazo urbano están en marcha as intervencións de Loureiro Crespo, o acceso aos Campos e o aparcadoiro de borde de Valdecorvos. No rural están en marcha actuacións en Ramallás, en Campañó, o núcleo de centralidade de Campos, os parques forestais da Fracha e da Tomba, e no núcleo de centralidade de Tomeza. 

Tamén se deu conta das obras que están previstas a curto prazo como son a renovación da pavimentación na rúa da Torre, as obras en Médico Ballina e as intervencións do plan de asfaltados correspondentes a un treito da rúa Casimiro Gómez, o cruzamento da rúa Teixoeira con Doce de Novembro, o cruzamento da praza de Barcelos con Perfecto Feixóo e a rúa San Antoniño e un treito da rúa Daniel de la Sota (esta última coordinada coa actuación do cruzamento con Cobián Roffignac e Benito Corbal).

COMPARTIR