Medio Natural destina 12.500 € a un plan para poñer en valor e optimizar o sistema de depuración e esterilización do estanque das Palmeiras

45
  • A Concellería que dirixe o socialista Iván Puentes vén de instalar un dobre sistema de control dos niveis de cloro e de desinfección e esterilización mediante un tratamento de luz de raios ultravioleta
  • O proxecto, no que están implicadas as firmas Reforvi, Tecnatur e Viaqua, completarase coa limpeza en profundidade do estanque, a mellora dos xardíns do contorno e a reposición das ras rotas

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou unha achega de 12.500 euros á execución da primeira fase dun proxecto para poñer en valor e optimizar o sistema de depuración e esterilización do emblemático estanque do Parque das Palmeiras. O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes vén de instalar un dobre sistema de filtrado que permitirá o control automático dos niveis de cloro da auga e a súa esterilización mediante un tratamento con luz de raios ultravioleta, “e que vai garantir que estea nas mellores condicións de calidade e salubridade”.

Segundo explica Puentes, “contamos por unha banda cun sistema de mantemento e control dos niveis de cloración da auga, no que se investiron 5.566 euros e que posibilita o cumprimento da normativa vixente mediante a inxección automática de cloro (que loxicamente se vai evaporando nun circuíto de recirculación)”. “Combinado con este -sinala o concelleiro- instalouse outro sofisticado sistema de desinfección (cun orzamento de 3.900 euros) que fai que a auga pase por dous filtros e se someta a un tratamento de lámpadas de luz ultravioleta que aniquila bacterias e axentes patóxenos. Deste xeito, dispoñemos dunha depuración e esterilización absolutamente efectiva”.

Esta primeira fase do proxecto de posta en valor do estanque das Palmeiras completarase cunha limpeza en profundidade do mesmo, coa restauración e reposición das características ras que presidían a zona exterior, moitas das cales foron danadas en actos de vandalismo, e cunha intervención de mellora dos xardíns existentes neste contorno. Esta última actuación, para que se destinará unha achega de 2.500 euros, contempla a adquisición de novas plantas e a dotación dun sistema centralizado de rego automático.

Iván Puentes sinala que, para levar a cabo estas melloras, a Concellería de Desenvolvemento Sostible “contratou a empresas punteiras nos seus respectivos ámbitos, como Reforvi Mantenimientos (orientada a obras e mantementos), Viaqua (concesionaria do subministro de auga no concello) e Tecnatur (especializada no tratamento de augas)”. 

Tal e como anuncia o edil socialista, o proxecto terá “unha segunda fase que permitirá poñerlle a guinda a todas estas actuacións e permitirá que o estanque das Palmeiras recupere o seu esplendor e o lugar histórico que lle corresponde como punto de encontro, descanso e lecer”.