O CW Pontevedra redeseña as súas actividades complementarias cunha oferta que inclúe waterpolo sen contacto, sendeirismo e formación virtual

70
  • O programa, presentado esta mañá no Teatro Principal, porase en marcha en novembro con dúas competicións acuáticas nas piscinas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)

Partidos de waterpolo sen contacto, carreiras de natación-waterpolo individuais e por relevos, circuítos de habilidade e forza, rutas de sendeirismo e un programa de formación virtual sobre temáticas como a ética deportiva e a prevención da violencia de xénero no deporte son algunhas das diversas e interesantes propostas contempladas no Programa de Actividades Complementarias deseñado polo Club Waterpolo Pontevedra para a tempada 2020-2021. O programa, que dará comezo en novembro con dúas competicións acuáticas na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), foi presentado esta mañá nun acto que contou coa participación do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o coordinador de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Santi Ferrer; o presidente do equipo, José Tellería, e o seu director técnico, Javier de Sáa. 

Segundo indicou o tenente de alcalde, “nesta atípica tempada 2020-2021, marcada pola incerteza e as restricións que o escenario sanitario impoñen ao desenvolvemento ‘normal’ da práctica da actividade física, especialmente no que atinxe a deportes de equipo e contacto, equipos como o CW Pontevedra están a atopar dificultades para poder organizar e planificar os seus adestramentos e carecen dun calendario oficial de competición”. “A pesar desas dificultades -asegurou- o club está a amosar unha vez máis o seu compromiso coa organización dun programa de actividades adaptado á situación sanitaria, que permitirá ‘compensar’ dalgún xeito a falta de competicións oficiais e que está pensado para que tanto os deportistas como os seus familiares poidan participar, involucrarse e interiorizar os valores que sustentan a súa filosofía”.

Neste mesmo sentido, José Tellería asegurou que “nos seus máis de 20 anos de historia, a filosofía na que se sustenta a razón de ser do Club Waterpolo Pontevedra, a súa misión e os seus obxectivos, máis aló da consecución de resultados deportivos nas competicións nas que toma parte, resúmese nun lema: ‘Non só formamos waterpolistas, sobre todo formamos persoas!’”. Por este motivo, sinala, o equipo pontevedrés quere que a práctica do waterpolo conleve tamén “un proceso de aprendizaxe de valores, hábitos e habilidades sociais que permitan que os nosos deportistas contribúan ao desenvolvemento dunha sociedade máis comprometida, responsable e xusta”. “Tentamos transmitir a tódol@s xogadores que forman parte do noso club que o waterpolo educa para a vida”, apuntou Tellería.

Valores: responsabilidade social e compromiso cidadán

O programa deseñado porá especial énfase na realización de actividades cun claro compoñente de responsabilidade social e compromiso cidadán co conxunto da sociedade. Tal e como precisou o director técnico do club, dito programa pódese separar en dúas grandes áreas: “por unha banda, tódalas actividades que se van desenvolver no ‘medio natural’ desta disciplina, é dicir, a auga da piscina; e pola outra, contaremos cun plan de actividades a realizar ao aire libre ou en outro tipo de instalacións, e que non teñen relación directa coa práctica do waterpolo, pero que tamén consideramos importantes e necesarias para ofrecer unha programación integral e diversificada aos nosos deportitas e soci@s”.

En todo caso, Javier de Sáa asegura que “todas e cada unha das actividades plantexadas realizaranse cumprindo estritamente con tódolos protocolos e recomendacións sanitarias, de cara a garantir a seguridade e preservar a saúde dos participantes”. “Por suposto -matizou-, é evidente que o programa inicialmente previsto queda suxeito á evolución da situación sanitaria é á posible implementación de medidas por parte das administracións públicas competentes”.

Dentro das actividades propostas polo Club Waterpolo Pontevedra a desenvolver nunha piscina e, en consecuencia, máis directamente vencelladas a esta especialidade, contémplanse carreiras de natación-waterpolo individuais e por relevos; partidos de waterpolo sen contacto (con regras adaptadas) e outras actividades de habilidades e destrezas técnicas. Dentro deste último bloque englóbanse diferentes tipos de probas de competición individual ou por equipos dentro da auga, entre as que se poden citar: 

  • Torneo ‘Cañoneiro’ por parellas: encontros de waterpolo por parellas sen contacto, de xeito que cada equipo poida xogar sempre dentro do seu propio campo sen poder entrar no do rival.
  • Torneo de Water-Voley: unha adaptación do voleyball para xogar dentro da auga.
  • Campionato de Lanzamentos/Puntería: competición, tanto individual como por equipos, onde as/os deportistas poderán poñer a proba a súa puntería.
  • Circuítos de habilidade e forza (individuais e por equipos): nos que os deportistas terán que amosar unha combinación de destrezas físicas como forza, axilidade, rapidez, resistencia… Tanto fora como dentro da auga.

Estas actividades complementaranse con outras ao aire libre, virtuais ou en outras instalacións, como rutas de sendeirismo e carreiras de orientación, e un programa de formación complementaria cuxas sesións poderán seguirse en streaming e que versarán sobre temáticas como a intelixencia emocional, o voluntariado social, a igualdade e a prevención da violencia de xénero no deporte e a ética deportiva (ditas sesións estaban previstas para a tempada pasada, pero foron canceladas por mor do confinamento).

Asemade, o CW Pontevedra porá en marcha iniciativas de colaboración social con asociacións e entidades sen ánimo de lucro de Pontevedra e arredores coa finalidade de contribuír, dentro das súas posibilidades, a axudar, mellorar, sensibilizar ou concienciar sobre problemas e carencias que ditas entidades poidan presentar.

O director técnico do club explicou que, se ben estaba previsto que o programa se puxese en marcha esta fin de semana “cunha ruta de sendeirismo e un magosto no contorno do Lago de Castiñeiras e o Mirador de Cotorredondo, a situación sanitaria aconsella deixala para máis adiante”. Non obstante, ao longo do mes de novembro iniciaranse xa as actividades no ‘medio natural’ dos waterpolistas, reservándose as datas do 14 e o 28 de novembro para a realización das dúas primeiras competicións acuáticas na piscina do CGTD. Carreiras de natación-waterpolo e partidos sen contacto que, como afirmou Javier de Sáa, “estarán sempre suxeitas ás restricións e protocolos sanitarios par a previr a dispersión da Covid-19”.

Santi Ferrer asegurou que a Secretaría Xeral para o Deporte “está encantada de que saian adiante alternativas de deporte seguro, que amosan que se poden facer cousas”. “Son tempos difíciles -afirmou-, pero tamén de reinventarse e de optar por alternativas que respecten as restricións sanitarias”.