Os xardíns da Ferrería e a Praza de España ‘disfrázanse’ para celebrar o Samaín

49
  • No marco do proxecto ‘Xardíns que falan’, que busca converter os espazos verdes en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, Medio Natural realizou instalacións con calacús, lápidas e ourizos

Coincidindo coa festividade de Tódolos Santos, os xardíns das prazas de España e A Ferrería mudaron hoxe os buxos de cores coa bandeira LGTBI que exhibían ata a data por un espectacular decorado de Samaín, cos tradicionais calacús, ourizos de castaña, lápidas de pedra, teas de araña, pacas de palla, corvos e outros seres do máis aló. Os traballos de instalación novo ‘atrezzo’, enmarcado dentro do proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural ‘Xardíns que falan’, que busca converter os espazos verdes de Pontevedra en elementos vivos, dinámicos, temáticos e con mensaxe, foron supervisados esta mañá polo tenente de alcalde, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey. “Se a bandeira LGTBI xa tivo moitísimo éxito, con pontevedreses e visitantes sacándose fotografías case tódolos días, o resultado deste decorado é tan abraiante que vai despertar sen dúbida as paixóns dos amantes dunha festa tan nosa como o Samaín”, subliñou Fernández. 

Tal e como avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, “os xardíns da cidade seguirán ‘expresándose’, ‘falando’, en distintas festividades e causas sociais”, proxectando unha intervención “máis chamativa que a deste ano para as conmemoracións LGTBI”. “As cabazas retiraranse a vindeira semana -adiantou o edil socialista-, pero tentaremos que os espazos verdes continúen a sorprendernos e a fascinarnos coa súa beleza estética e o seu compromiso social e cultural”.