A bo ritmo na mellora das redes de saneamento da rúa Gorgullón

255

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá os traballos de mellora das redes de saneamento e recollida de augas pluviais do río Gafos, que a empresa concesionaria do servizo realiza na rúa Gorgullón. Estivo acompañado do concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará así como de técnicos municipais e da empresa concesionaria, que puideron comprobar o bo ritmo das obras.

O proxecto de seneamento trata de renovar toda a rede de servizos de abastecemento de auga potábel, de saneamento e de recollida de pluviais na rúa Gorgullón e está incluído dentro do plan de investimentos de
Viaqua e ten un orzamento de 318.282,22 euros.

O proxecto consiste na substitución das canalizacións de auga potábel de fibrocemento por conducción dúctil. Tamén se dimensionará a rede de saneamento que pasará de ter tubaxes de 315 mm a 500mm e,
especialmente os tubos de recollida de augas pluviais que son de 315 mm e de 400 mm segundo os lugares, e pasarán a 630 mm na rúa Gorgullón e a 800 mm no entronque cara o río Gafos.

Os traballos teñen unha duración aproximada duns catro meses, aínda que esta previsión poderá variar en función das previsións meteorolóxicas.

Estas obras se solucionarán os asolagamentos habituais na rúa Gorgullón, dado que recibe un caudal de augas pluviais excesivo procedentes de toda a rúa, das perimetrais e tamén de Eduardo Pondal.