A II Ruta Cidade de Pontevedra de BTT agarda a participación duns 1.200 ciclistas

215

Os afeccionados á Bicicleta Todo Terreo (BTT) teñen unha cita este domingo en Pontevedra. Celébrase a segunda edición da Ruta Cidade de Pontevedra que organiza o club Farto en colaboración coa Concellería de Deportes.
O concelleiro Agustín Fernández presentou hoxe un evento no que se agarda a participación de ata 1.200 ciclistas. Estivo acompañado de Raúl Farto e Víctor Loira, responsables do club.
A II Ruta BTT Cidade de Pontevedra chega cun percorrido non competitivo de 45 Km, de dificultade media, con saída e chegada na avenida de Montero Ríos e que consiste nunha saída a Cotorredondo e lago de Castiñeiras. Este ano cun percorrido completamente renovado, con subida por Vilaboa, e unha traza limpa e “ciclable” gracias ao intenso traballo previo de preparación.
O concelleiro destacou que Pontevedra, que ten un gran potencial na organización de eventos deportivos de elite, fixo unha aposta dende o ano pasado polo impulso do deporte popular. Milleiros de persoas saen habitualmente en bicicleta de montaña e era preciso ofrecerlles un calendario estable dende o Concello, engadiu.
O período de inscrición xa está pechado, pero estanse a recibir chamadas de última hora, polo que se intentará facer un oco a todos. O prezo, necesario para cubrir todos os custos de organización, é de 6 euros, dos que 1 euro vai destinado á Asociación SocioSanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII).
A saída será ás 9.30 horas e a chegada dos primeiros participantes agárdase para unhas dúas horas e media despois. Haberá lavado de bicicletas na propia avenida de Montero Ríos e duchas no pavillón multiúsos da Xunqueira. A organización inclúe animación musical e unha oferta lúdica moi completa. Tamén se ofrece un pincho para repoñer forzas.
A Concellería de Deportes recomenda a máxima prudencia durante os tramos urbanos e respecto polas normas de circulación, especialmente á chegada. De tódolos xeitos a marcha contará con motocicletas de apertura e estará controlada por un equipo de voluntarios.