Harmonía urbana

A vida natural axúdanos a ter unha cidade máis harmónica, saudábel e fermosa, e o sistema de parques e xardíns municipal non se limita aos grandes parques urbanos ou naturais, senón tamén a eses pequenos espazos que enchen a cidade de graza.

Lugares como rotondas ou medianas, expostas ao tráfico a motor e por tanto algo maltratadas polo fume dos motores e os ruídos, compensan cunha coidada vexetación os efectos negativos deses molestos veciños móbiles. Unha boa parte dos esforzos en labores de deseño e xardinería van dirixidos a estes pequenos episodios vexetais que salpican toda a cidade e nos fornecen dun fermoso relax visual.

A grande cantidade de rotondas construídas nos últimos anos, as medianeiras das Avenidas de Compostela, Uruguai e Bos Aires, as arboredas de Augusto García Sánchez, pequenos xardíns que hai en calquera parte da cidade, conforman un conxunto de pequenos espazos nos que hai que actuar cada día.