O núcleo de Estribela declarouse Área de Rehabilitación Integral (ARI) o día 03/05/2007, para favorecer a rehabilitación e poder obter as axudas económicas que establece o Plan Estatal de Vivenda.
A finalidade destas axudas é a de potenciar o uso residencial e asegurar a diversidade social e o realoxamento, se é o caso, da poboación existente, con suxeición ás normas do plan urbanístico vixente e ás disposicións sobre eliminación de barreiras arquitectónicas, promoción da accesibilidade e mellora da eficiencia enerxética dos edificios.
Con data 05/09/2014 asinouse o convenio de financiamento entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, para a execución do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria, e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016. A efectividade das liñas de axudas previstas no Plan determinase tras a publicación da Orde FOM/2252/2014, do 28 de novembro (BOE núm. 292, do 03/12/2014).
O día 17/03/2015 publicouse no DOG núm. 52 a Orde do 9 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases que regulan o Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal 2013-2016, a cal posibilita a solicitude de axudas nas ARIs, con vixencia ata o 31/12/2016.
Tras as firmas, o día 26/10/2017, dos acordos da comisión bilateral entre a Administración do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, no marco do RD 637/2016, do 9 de decembro, polo que se prorroga o Plan Estatal de vivenda 2013-2016 (BOE núm. 86 do 10/04/2013), o Concello de Pontevedra aprobou as Bases reguladoras e convocatoria pública das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral do núcleo de Estribela e do Conxunto Histórico de Pontevedra (BOP núm. 244, do venres 22 de decembro de 2017).
As Bases entran en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOP. O importe máximo da subvención é do 45% do custo subvencionable das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas que se realicen, e unha contía máxima por vivenda obxecto de rehabilitación de 15.000 euros (excluídos impostos, taxas e tributos).
Cómpre recordar que aquelas edificacións que necesiten o Informe de avaliación de edificios (IAEd), deberán contar con el con data anterior ao da solicitude de subvención.
Segue vixente o Directorio de Axentes Colaboradores, co fin de que se poidan inscribir, con carácter permanente, aquelas persoas físicas ou xurídicas (técnicos, contratistas, oficios, subministradores de materiais e entidades e laboratorios de control da calidade) que interveñen no proceso das obras de rehabilitación e inspección técnica, co obxecto de simplificar, facilitar e axilizar a xestión e execución das obras en xeral. Ten carácter informativo para os promotores, e en ningún caso a inscripción suporá un requisito obridado para a execución das obras de rehabilitación ou inspección técnica de edificacións.