As mulleres galegas na II República, mañá nas III Xornadas “Represaliadas e resistentes”

204

Mañá terá lugar a segunda sesión das III Xornadas ‘Represaliadas e resistentes’ que se celebrará a partir das 19.00 horas na Casa das Campás. Haberá unha conferencia da xornalista Montse Dopico, que baixo o título ‘Semente de mudanzas’ falará sobre as mulleres galegas na II República. Ao remate, proxectarase o documental ‘La memoria de las olvidadas’.

A conferencia

“Ser de ideas políticas de avanzado izquierdismo republicano”. Ou “prohibir que se enseñase a las niñas las grandes gestas bélicas de nuestra historia” e “descuidar” a súa “educación moral”. Estes son algúns dos cargos que recolle o expediente de depuración da mestra da escola da Guarda María Barbeito, no 1937. Pedagoga, inspectora, escritora, tradutora, educadora e socióloga, -así a define a profesora Aurora Marco no seu Dicionario de mulleres galegas-, Barbeito representaba un paradigma de muller oposto ó de “submisión, fogar e maternidade” -estudado pola investigadora Ana Cebreiros-, que o franquismo impuxo.

O compoñente de xénero é unha dimensión fundamental da represión. Tamén a mestra galeguista Elvira Bao, a bibliotecaria republicana Juana Capdevielle ou a alcaldesa da Cañiza María Purificación Gómez, -só por citar algúns nomes-, encarnaban as mudanzas que, -xermoladas xa desde finais do séxulo XIX-, estaba a impulsar a Segunda República. Os avances legais deste período -dereito ao sufraxio activo feminino ou lei do divorcio, entre outros-, reforzaron o comezo da erosión da estrutura patriarcal da sociedade. E iso traducíase nunha maior intervención das mulleres no espazo público.

“Non é a ampliación do sufraxio: é a sociedade que estaba detrás a que estaba cambiando. A imaxe tan moderna da muller que se pode atopar en medios de comunicación da época resulta sorprendente. Mais a incorporación da muller á política comeza pola dereita. A cuestión de xénero vai máis alá da ideoloxía”, subliña o historiador Emilio Grandío, autor do ensaio ‘A Segunda República en Galicia’ (Nigratrea). As reivindicacións feministas iniciáranse, en realidade, décadas atrás, a través de voces como a de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal.

O catolicismo respondeu ao feminismo co discurso da “maternidade social”, segundo sinala a museóloga Ana Estévez nun estudo sobre o asociacionismo confesional na Coruña. Coa “chegada da República e da súa política laicizadora”, -comenta-, prodúcese unha “eclosión da actividade asociativa feminina”, ata entón dedicada á beneficencia e á propaganda. Mais, -reflexiona o profesor Julio Prada no libro ‘As mulleres en Galicia no século XX’-, este activismo católico feminino non se explica só pola súa “manipulación” por parte do clero. Alén diso, co golpe do 36 “queda marxinada a proposta dunha muller máis activa” que se transmitira nos primeiros tempos aínda dentro dos límites dunha acción social compatible cos roles tradicionais da muller.

Se algún medio está interesado en entrevistar á conferenciante, Montse Dopico está dispoñible no teléfono 679326693.

       Programa das xornadas

         Sábado 28 de marzo

  • 11.00 horas: Conferencia de Paula Godinho. ‘Propiedade privada da história e “memórias fracas”: a esquerda da esquerda e as revoltas da memória’.
  • 11.45 horas: Relatorio de Aurora Rodrigues. ‘Memoria da represión e da resistencia na Ditadura portuguesa’
  • 12.15 horas: Relatorio de Pilar Allegue. ‘Memoria da represión e da resistencia na Ditadura franquista’.
  • Remate cun coloquio