Benestar convenia coa Asociación Río Lérez o servizo de intérprete de linguaxe de signos

194

A Concellaría de Servizos Sociais anunciou hoxe o inicio dunha colaboración coa Asociación de Xordos de Pontevedra Río Lérez. Segundo explicou a concelleira delegada de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces “a asociación pasou por tempos baixos, pero agora empezou a retomar a súa actividade, de feito ten unha nova sede na rúa Michelena, 40, e precisan apoio”. Como actividade vinculada ao ámbito da discapacidade “entra dentro dos nosos criterios para poder axudala”.

Por este motivo, “este ano acordamos decantarmos pola Asociación Río Lérez para ofertar os servizos de intérprete de linguaxe de signos e de acompañamento”, que o pasado ano ofertou a Federación de Asociacións de persoas xordas de Galiza (FAXPG) dado que Río Lérez non contaba coa estrutura para poder afrontar estas actividades.

Segundo explicou o concelleira, espérase dar uns 70 ou 80 servizos ao mes, que serán asumidos en parte pola Asociación e outras a cargo do convenio que se asina co Concello. Este convenio é de 6.000 euros dende o mes de abril a novembro, e haberá un protocolo regulado para que coñezan como hai que proceder para ofertar e solicitar o servizo.

Carmen Fouces explicou que “a FAXPG fixo o traballo o pasado ano, pero agora o trasladamos a Río Lérez, por ser unha asociación da cidade, e pero seguiremos mantendo o contacto coa FAXPG para iniciar novas accións que demanden os usuarios.