Carlota Román prepara o posicionamento de Pontevedra como destino de excursións dos turistas de cruceiro

157

A piques de comezar a temporada de cruceiros, a concelleira de Turismo, Carlota Román, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co máximo responsable da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Diego Otero. O potencial de Pontevedra, como epicentro das excursións dos turistas que chegan ao Sur de Galicia a bordo dun barco foi cualificado como “excepcional”.
A concelleira completou así a rolda de contactos que ven mantendo cos máximos representantes dos profesionais do sector do turismo. Por Pontevedra, durante este mandato municipal, teñen pasado os presidentes da Spain Convention Bureau (órgano especializado da Federación Española de Municipios e Provincias)e da patronal das empresas organizadoras de Eventos e Congresos (OPC Galicia). A cidade tamén organizou unha xuntanza do Foro MICE, é dicir do “lobby” empresarial que aglutina todos os segmentos do turismo de negocios español.
Carlota Román explicou que durante a última temporada, Pontevedra iniciou unha campaña de captación de cruceiristas no porto de Vigo e cómpre continuar nesta liña de traballo. Diego Otero destacou que a Capital das Rías Baixas ten “un potencial excepcional”, pois dispón dun Centro Histórico incomparable e ofrece un tecido urbano moi cómodo. De feito, Pontevedra, é xunto con Cambados e Combarro unha das paradas máis interesantes. Non obstante, ambas partes coincidiron na necesidade de facilitar a chegada dos cruceiristas ata o mesmo centro, porque trátase de turistas que veñen cun tempo moi xusto e precisan un alto nivel de estruturación no seu programa.
Unha segunda liña de traballo centrouse nos viaxes de incentivo (organizados por empresas para os seus empregados e/ou clientes). As necesidades neste eido son moi diversas, pois poden ir dende 20 persoas a máis de 300. Trátase dun campo no que Pontevedra pode centrar parte da súa estratexia e, ademais, ofrecer complementos en forma de visitas e/ou actividades para eses turistas, maioritariamente aloxados noutros puntos.
Máis prometedora parece a aposta polos eventos feirais e congresuais, nos que Pontevedra goza da vantaxe competitiva da propia cidade e a proximidade das infraesturas do Recinto Feiral e o Pazo de Congresos, o que fai innecesaria a contratación de transporte. De feito, concordaron Román e Otero, Pontevedra ten avanzado moito neste terreo e o ano pasado organizou máis dunha vintena de referencias. Hai feiras e congresos, recalcouse, que comezan a consolidarse e iso é moito dicir nestes tempos de crise.
A xuntanza profesional concluíu cunha análise da planta hoteleira da cidade, que resulta insuficiente para moitos dos eventos (incluíndo tamén os deportivos) que se realizan ao longo do ano. Unha circunstancia que acentúa aínda máis a necesidade de traballar conxuntamente co sector privado, acadando a máxima implicación na política turística municipal.