Retribucións de cargos electos

O Pleno do Concello, na sesión extraordinaria de 18.06.2015, en relación coa determinación de cargos en réxime de dedicación exclusiva, do seu réxime de dedicación efectiva e das súas retribucións, adoptou o seguinte acordo:

Establécense en réxime de dedicación exclusiva os seguintes cargos municipais:

  • Os membros do Goberno poderán desempeñar todos as súas funcións en réxime de dedicación exclusiva.
  • Os restantes Grupos Políticos poderán ter en réxime de dedicación exclusiva a 1 dos seus membros por cada 4 membros do Grupo Político ou resto de 3.
  • A suma dos dous apartados anteriores non poderá superar, en ningún caso, o máximo legal, nestes intres fixado en 15.

As cantidades determinadas conforme a este acordo son:

  • Alcalde: percibirá unha retribución bruta anual idéntica á percibida no ano 2010, no que xa se empezaron a aplicar os recortes salariais aos empregados e cargos públicos. Isto é: 63.831,12 € , distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias (xuño e decembro), de igual contía
  • Primeira Tenente de Alcalde: Percibirá unha retribución bruta anual do 90% da retribución da Alcaldía, isto é de 57.736,42 €, distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias (xuño e decembro), de igual contía.
  • Oito concelleiros de Goberno: percibirán unha retribución bruta anual idéntica á percibida no ano 2010, no que xa se empezaron a aplicar os recortes salariais aos empregados e cargos públicos, isto é 43.865,30 euros, distribuída en doce pagas mensuais e dúas extraordinarias, de igual contía.
  • Tres concelleiros do resto de grupos municipais con dedicación exclusiva: Percibirán unha retribución bruta anual idéntica á establecida para os concelleiros de goberno, coa mesma distribución.

As dedicacións exclusivas poderán dividirse en dedicacións parciais (cando menos do 50%, segundo prevé o Regulamento Orgánico do Pleno), de así estimarse motivadamente, e sempre cos límites sinalados.

As cantidades sinaladas polo desempeño do cargo en réxime de dedicación exclusiva completaranse coas correspondentes á antigüidade do concelleiro en cuestión, respecto ao posto de traballo que ocupaba como empregado ou funcionario, sempre en cando a entidade de orixe non se fixera cargo de tales. Isto sempre co límite establecido segundo o art. 75 bis.4 da Lei 7/1985.

Os membros da Corporación que exerzan o seu cargo en réxime de dedicación exclusiva terán unha dedicación mínima ao Concello equivalente á establecida con carácter xeral para o persoal ao servizo da Administración pública e, en concreto, para o Concello de Pontevedra. Non obstante, por razóns evidentes do exercicio do seus cargos, o cómputo desta dedicación non se suxeitará ao horario fixado para os traballadores municipais.

De acordo co art. 14.6 do Regulamento Orgánico do Pleno, a dedicación parcial por parte dos cargos que así se definan non será inferior a 20 horas á semana, correspondéndolle as retribucións proporcionais respecto das correspondentes aos cargos en réxime de dedicación exclusiva.

Os membros da Corporación que exerzan os seus cargos en réxime de dedicación exclusiva e parcial serán dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social ou réxime equivalente, asumindo a Corporación o pago dos custos empresariais que corresponda.

A percepción de retribucións polo exercicio de cargos municipais en réxime de dedicación exclusiva será incompatible con outras retribucións a cargo dos presupostos doutras administracións públicas, organismos ou entes públicos dependentes deles, así como incompatibles co exercicio doutras actividades nos termos precisados pola Lei 53/1984 e normativa aplicable.

As retribucións establecidas incrementaranse anualmente, de selo caso, na mesma porcentaxe que a aplicable aos empregados públicos municipais.

Os membros da Corporación que exerzan o cargo con dedicación exclusiva terán dereito aos mesmos permisos, licenzas e vacacións que o persoal funcionario do Concello de Pontevedra.

O TEMPO

Pontevedra, ES
cielo claro
7.9 ° C
9 °
7 °
87%
2.6kmh
0%
Dom
14 °
Lun
14 °
Mar
14 °
Mér
13 °
Xov
15 °
X