Nace o programa “Convive” para axudar ao alumnado con condutas disruptivas

407

A Concellería de Educación de Pontevedra foi pioneira na posta en marcha dun programa de atención a nenos con Trastorno por Déficit de Atención ou Hiperactividade (TDAH). Unha iniciativa que contou coa colaboración da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra). Hoxe foi presentado o programa “Convive”, destinado a axudar aos rapaces con condutas disruptivas.
O concelleiro, Agustín Fernández, e o presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, presentaron hoxe esta iniciativa, especificamente dirixida a alumnos de Secundaria e tamén a os que estean nos últimos cursos de Primaria. Conta co apoio da asociación ADAHPO, nacida en Pontevedra no marco do programa de TDAH, polo que tamén estiveron presentes a presidenta do colectivo, Montserrat Álvarez, e a psiquiatra Leticia Gómez.
O obxectivo é poñer en marcha medidas psicoterapéuticas temporais de apoio educativo para mellorar a convivencia, minorar o absentismo escolar e mesmo mellorar o rendemento. Que a expulsión non se vexa polos rapaces como un premio, repetiuse durante a presentación.
O programa traballa dende a área psiquiátrica (solicitando información ás familias e aos centros, definindo estratexias terapéuticas, valorando a posibilidade dun tratamento farmacolóxico e elaborando un informe de intervención). A continuación desenvólvese a psicoterapia para traballar sobre a comunicación, a resolución de conflitos, o autocontrol, as emocións e a autoestima. Se é necesario, inclúese un programa de terapia específica nos eidos concretos da intelixencia emocional, a impulsividade ou as habilidades sociais.
Unha iniciativa dirixida aos rapaces “maleducados”, “graciosos” e, en todo caso conflitivos nas aulas. Problemas que, tal e como se subliñou, poden ser “a punta do iceberg de trastornos sen diagnosticar: de personalidade, do ánimo, do control dos impulsos… ou mesmo síndrome de Asperger.
O programa, que dispón de 35 prazas subvencionadas, parte sempre da colaboración das familias, dos profesores e dos orientadores. Supón un paso máis na programación municipal a prol dun ensino público de calidade e igualitario, “algo moi necesario nestes tempos en que a Educación recibe ataques por parte dalgúns sectores ideolóxicos”.

CONTA COMIGO

Por outra banda, Fanpa-Pontevedra e a Concellería de Educación volven colaborar para a posta en marcha do programa de actividades lúdicas para escolares e as súas familias “Conta Comigo”.
Desenvolverase entre o 10 de abril e o 30 de maio. Os prazos de inscrición van do 16 ao 23 de marzo. Os primeiros días para os socios das ANPA e os últimos para os demais. Debe facerse no local da Fanpa (rúa de Xan Guillermo número 9 de 10 a 14 horas). Os prezos oscilan en función da actividade e da condición de socio, entre os 3 euros e os 16 euros.
O programa deste ano inclúe os seguintes obradoiros: Cociñando en familia, Mans creativas, Barro con torno, Maxia potaxia, Ciencia divertida, Natureando, Supervivencia, Risoterapia, Cestería, Patinaxe en familia, Tiro con arco, Billarda, Ganchillo XL, Rutas de Sendeirismo en familia e Roteiro Castelao en familia.