O proxecto fotográfico Causas Comúns preséntase o luns na Casa das Campás

239

Tras unha primeira fase en Guinea Bissau, preséntase agora en Galicia o proxecto fotográfico Causas Comúns, a prol dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. O secretario executivo da Plataforma de ONGD da rexión de Bafatá, Boubakar Djalo, o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana, acompañados pola concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, exporán na Cidade do Lérez os resultados da iniciativa, cofinanciada polo Fondo Galego de Cooperación e o Concello de Pontevedra. A cita é o vindeiro luns 30 de marzo ás 18 horas na Casa das Campás. A presentación xa tivo lugar en Oleiros e o martes será en Santiago de Compostela.

Causas Comúns botaba a andar a comezos de ano en Guinea Bissau coa exposición ‘Europa, realidade dun soño’, que segue a xirar por diferentes aldeas para visibilizar unha Europa descoñecida, con dificultades económicas e sociais, a fin de amosar os obstáculos que poden atoparse á hora de emigrar, xa que desde as costas guineanas saen moitos dos caiucos q chegan a Canarias. Alén das correspondentes charlas, Gabriel Tizón e Rocío Botana desenvolveron durante tres semanas actividades como formacións para fotógrafos locais comprometidos ou obradoiros con asociacións para a elaboración de proxectos.

O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao guineano, sobre o incumprimento dos Dereitos Humanos en África e en Europa, pois non só hai dificultades para acceder á vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza nos países empobrecidos. O proxecto subliña asemade a traxedia política e humanitaria que se vive nas fronteiras europeas.

A segunda fase da iniciativa arrincaba en Galicia coa inauguración da mostra ‘África, soños e mentiras’, que ata finais de mes pode contemplarse no Concello de Pontevedra e que despois percorrerá distintos centros sociais e de ensino, para logo visitar outras administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Mañá sábado será ademais o último día para ver no Salón do Libro os debuxos do senegalés Momar Badiane, cos que denuncia a dramática situación dos nenos soldado.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.