Inicio Obradoiros SNL

Obradoiros SNL

Todos os obradoiros están orientados a reforzar o traballo a prol do uso da lingua que se realiza nos centros de ensino polo que solicitamos a colaboración activa do persoal docente nas actividades; especialmente no uso do galego.

Prazos de solicitude:

  • Ata o 30 de outubro de 2018 para as xornadas micolóxicas.
  • Ata o 30 de novembro de 2018 para o resto.

Desglose de Obradoiros

Imparte: Asociación Micolóxica Brincabois.

Dirixidas a: 6º de infantil e primaria.

Descrición: Estas xornadas buscan promover o uso da lingua galega entre o alumnado de primaria con actividades de micoloxía; iniciando ás crianzas no coñecemento dos cogomelos habituais na súa contorna e dinamizando o uso da lingua tanto na oralidade como na escrita, asociándoa a actividades lúdicas e formativas de interese para a infancia.

Desenvolvemento: En cada un dos centros desenvólvese.

  • Unha charla de introdución á micoloxía.
  • Unha saída de campo guiada para recoller cogomelos no monte.
  • Unha sesión para identificar os cogomelos recollidos.
  • Montaxe dunha exposición no colexio cos cogomelos apañados.

Duración: 30/40 min para a charla e 60 min para a saída. A seguir, móntase a exposición.

Outros: non inclúe transporte, aínda que sexa necesario.

Imparte: Mekané Didáctica.

Descrición: Neste obradoiro haberá diferentes xogos nos que se traballarán aspectos como a memoria, a observación, a expresión oral e corporal, a coordinación, o achegamento ao vocabulario de diferentes temáticas, o traballo en equipo, a identidade cultural e lingüística. Repasarán palabras relacionadas cos animais, partes do corpo, profesións, obxectos, natureza, …

Os pequenos e pequenas van competir por conseguir palabras en galego, que serán o seu tesouro a través de diversas probas, para deste xeito lograr a súa propia Verbateca, e así ir afacéndose ao vocabulario básico en lingua galega.

Duración: 75 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: grupos de ata 30 nenos/as de 3º, 4º e 5º de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: aula grande tipo psicomotricidade ou musical.

Necesidades técnicas: toma de corrente para o equipo de son.

Imparte: Polo correo do vento.

Descrición: Mentres a rapazada escoita a historia de Mario contada por un dos autores, o ilustrador realiza un mural vinculado ao conto. Comezará despois unha rolda de prensa guiada polos autores, na que os rapaces e rapazas interactúan co conto e co debuxo, de xeito que se traballa a comprensión e expresión oral das nenas e dos nenos. Para rematar, nun obradoiro de ilustración, todos xuntos, debuxarán cadanseu retrato de Mario, o protagonista do conto.

Duración: 120 minutos mínima (precisa 30 min antes para a montaxe e 10 min despois).

Dirixido a: ata 60 persoas dos cursos de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: un espazo en que se poida pegar un papel: encerado, muro, …

Imparte: Polo correo do vento.

Descrición: Crearemos unha trama na que o saber de Antón Fraguas vai ser fundamental para a resolución do misterio relacionado coa actividade de investigación que levou a cabo durante a súa vida. Mentres a rapazada escoita a historia de Antón Fraguas contada por un dos autores, o ilustrador realiza un mural vinculado ao conto. Comezará despois unha rolda de prensa guiada polos autores, na que os rapaces e rapazas interaccionan co conto e co debuxo de xeito que se traballa a comprensión e expresión oral das nenas e dos nenos. Para rematar, nun obradoiro de ilustración, todos xuntos, debuxarán a caricatura de Antón Fraguas.

Duración: 50-60 minutos.

Dirixido a: ata 60 persoas dos cursos de Educación Infantil e 1º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: un espazo en que se poida pegar un papel: encerado, muro, …

Imparte: Migallas Teatro.

Descrición: Contos nas orellas é un obradoiro para impulsar o uso da lingua galega nas nenas e nos nenos a través de historias e da música. Os contidos adaptaranse ás idades dos grupos.

Obxectivos:

  • Mellorar a comprensión e a expresión oral en galego das nenas e nenos.
  • Coñecer e valorar os contos tradicionais e os álbums ilustrados.
  • Animar as nenas e os nenos a ler.
  • Gozar da música.

Duración: 45 minutos.

Dirixido a: grupos de ata 25 nenas e nenos dos cursos de Educación Infantil e 1º e 2º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: espazo adecuado para sentar no chan.

Imparte: Xandobela.

Descrición: Nesta actividade mestúranse as áreas de lingua coas da educación física. Comunicámoslle á rapazada que se detectou un virus que atrofia os músculos do corpo, especialmente a lingua, e que temos que realizarlles unha serie de probas para coñecer o alcance de infección. Son tres probas nas que analizamos a habilidade, resistencia e velocidade lingüística, física e mental. Feitas as probas, facemos un diagnóstico e poñémoslles un tratamento para botar fóra o virus.

Duración: 80 minutos, aproximadamente.

Dirixidas a: grupos de ata 50 nenos/as de 1º, 2º e 3º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: amplo e acolledor, con boa acústica e libre de mobiliario.

Imparte: Xandobela.

Descrición: Obradoiro de xogos que non precisan de material para gozar deles: xogos bailados, xogos lingüísticos, xogos musicais… Na sesión compartiranse unha serie de enredos e dinámicas que mostran unha parte do rico patrimonio lúdico galego, aquel que se crea e se recrea no cotiá, na participación grupal e social, na oralidade e na sinxeleza e humildade para o desenvolvemento e a expresión lúdica das persoas, sen nada nas mans e nos petos.

Duración: 60/70 min aproximadamente.

Dirixido a: ata 25-30 persoas de 2º e 3º Ciclos de Educación Primaria.

Espazo: amplo e acolledor, con boa acústica e libre de mobiliario.

Imparte: Xandobela.

Descrición: Catro probas grupais e retos lingüísticos cunha carga lúdica importante, na que os rapaces e rapazas porán en xogo as súas destrezas e coñecementos lingüísticos e culturais en tarefas do día a día como ir facer a compra, demostrar o seu espírito festeiro… Cada desafío superado poralles na pista para buscar e resolver o seguinte, pero non sen antes demostrar de viva voz que son realmente merecentes diso. Trabállase, pois, co léxico, coa expresión oral… a través dunha metodoloxía participativa e lúdica que garante a motivación e o divertimento (actitude positiva e receptiva), ao tempo que amplían e consolidan os seus coñecementos sobre cuestións básicas e cotiás, e reforzan os seus dotes comunicativos en galego.

Duración: 60-70 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: grupos de ata 50 nenos/as de 2º e 3º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: amplo e acolledor, con boa acústica e libre de mobiliario.

Imparte: Mekané Didáctica.

Descrición: Camiño da Lingua é un proxecto para fomentar a difusión da nosa cultura. Inclúe probas lingüísticas, preguntas culturais sobre Galicia e xogos onde o vínculo é a lingua galega. A nosa proposta será que unha buxaina, co seu baile polo taboleiro de xogo, achegue a nosa lingua a todos os concellos de Galicia.

Duración: 120 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: grupos de ata 30 nenos/as de 2º e 3º Ciclos de Educación Primaria.

Espazo: aula ou sala cuberta.

Imparte: aCentral Folque.

Descrición: O presente curso concíbese coma unha iniciación ao coñecemento e á práctica da poesía oral improvisada galega, centrándose na regueifa e traballándoa dun xeito lúdico. Iniciaranse as ferramentas de memoria, rima e recursos léxicos, ademais de ofrecer guías sobre canto, métrica, versificación e xestualidade. A través dunha melodía fixa como base, realizarase unha aproximación aos elementos formais deste xénero improvisado dunha maneira intuitiva. Con pequenos apartados teóricos, elaboraremos unha exposición sobre os tipos de improvisación oral na Península Ibérica e no resto do mundo, ademais de abarcar as temáticas xerais tratadas neste tipo de actividade. Introducindo conceptos como a ecoloxía, a defensa da lingua e, especialmente, a igualdade, traemos a regueifa ao século XXI, procurando un discurso actualizado que loite contra a discriminación de xénero e, á vez, xere unha dinámica socializadora para a lingua entre os máis novos e novas.

Material: taboleiro branco, rotuladores, folios, lapis.

Duración: 90 minutos.

Dirixido a: público infantil desde os 8 anos e público adolescente.

Espazo: aula con cadeiras colocadas en U sen mesas.

Imparte: Xandobela.

Descrición: Un xeito diferente de achegar o rico e diverso patrimonio máxico galego á rapazada . A través dun divertido xogo cooperativo, terán que atopar a solución máxica aos distintos meigallos aos que se enfrontarán: así, faise un percorrido polos seres mitolóxicos, polas lendas e crenzas populares, pola literatura de tradición oral arredor dos esconxuros, polos elementos naturais necesarios para reverter meigallos de todo tipo, polos ritos medicinais… Ademais, tamén terán que dramatizar o acontecido, polo que se garante a expresión oral en galego.

Duración: 60-70 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: grupos de ata 50 nenos/as de 3º Ciclo de Educación Primaria.

Espazo: amplo e acolledor, con boa acústica e libre de mobiliario.

Imparte: AGAL.

Descrición: O Mundo do INHO é un obradoiro para amosarlles a alumnas e alumnos diferentes chaves culturais do mundo lusófono, ademais de facerlles descubrir a facilidade para lerem textos en portugués e así achegarlles a lingua.

Este obradoiro ten dous obxectivos:

  • Específico: facilitar a lectura de textos escritos coa ortografía portuguesa descubrindo correspondencias entre os sons do galego oral.
  • Transversal: reflexionar sobre a vocación profesional: os textos de traballo tratan as características xerais dunha serie de profesións.

A interacción cos alumnos e as alumnas é alta, facilitando a súa participación para integraren os diferentes aspectos e ideas, dando forza á actividade.

O número de alumnos e alumnas ideal é de entre 10 e 20, podéndose ampliar até 30, mais tendo presente que canto maior for o número de alumnos e de alumnas, a interactividade, esencia do obradoiro, perde forza.

Duración: 100 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: grupos de ata 30 nenos/as de 3º Ciclos de Educación Primaria.

Espazo: aula.

Imparte: AGAL.

Descrición: Con esta proposta o alumnado aprende que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, falar galego ofrece unha clara vantaxe competitiva.

Os obxectivos deste obradoiro son:

  • Poñer en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos.
  • Mostrar a vantaxe de falar galego para poder comunicarse co mundo da lusofonía.

Este obradoiro contén 4 unidades:

  • Unidade 1: Temos moito que gañar.
  • Unidade 2: Ler está ao alcance dos teus ollos (ortografía).
  • Unidade 3: Sabemos moito, mais non nos debemos confiar (léxico e gramática).
  • Unidade 4: Podes aprender de ti mesmo/a.

Duración: 100 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: entre 20 e 40 persoas de ESO, Bacharelato e Ciclos.

Espazo: aula.

Imparte: Mekané Didáctica.

Descrición: Proxecto para dinamizar e dar a coñecer o importante labor dos monxes e monxas copistas. Un personaxe viaxa ata os colexios e institucións desde o pasado para explicarlle ás persoas participantes de xeito divertido e didáctico como vivían e de que xeito realizaban o duro traballo de copiar os códices para conservar a cultura.

Scriptorium é un obradoiro acompañado cunha breve conversa práctica que destaca a relevancia da lingua galega no período medieval. O labor destes monxes e monxas, das que destacaremos tamén a invisibilizada importancia, permitiu a difusión e a conservación da nosa lingua. O alumnado participará nun obradoiro que pretende convertelos/as en copistas e iluminadores/as por un día, adaptando os contidos ás idades destinadas.

Duración: 90 minutos, aproximadamente.

Dirixido a: grupos de ata 30 nenos/as de 1º, 2º e 3º da ESO e 1º de Bacharelato.

Espazo: aula con mesas cadeiras, proxector, ordenador, pantalla de proxección.

Imparte: García MC.

Descrición: Esta actividade está pensada para participantes a partir dos 13/14 anos; traballarán arredor da cultura hip hop para iniciárense ou afondaren no ámbito do rap. Achegaranse á historia xeral da cultura hip hop e traballarán na elaboración e interpretación de letras por grupos.

Os obxectivos deste obradoiro son:

  • Potenciar o uso da lingua galega por medio do rap.
  • Transmitir a comunicación a través da arte da palabra rítmica.
  • Activar as e os participantes a nivel artístico e cultural.
  • Coñecer da cultura hip hop desde unha perspectiva de desenvolvemento.
  • Espertar e achegar novos sentidos á vida dos e das adolescentes.

Temos a posibilidade de ofrecer algún obradoiro en horario extraescolar. Serían obradoiros de 3h fóra do horario lectivo, tamén venres pola tarde ou sábado.

Duración: 120 minutos mínima (precisa 30 min antes para a montaxe e 10 min despois).

Dirixido a: ata 30 persoas dos cursos de 2º, 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos.

Espazo: aula.

Imparte: A Mesa pola Normalización Lingüística

Descrición: Proposta de conferencias para secundaria e bacharelato, impartidas por membros da Mesa pola Normalización Lingüística con seguintes temas disponibeis:

  1. O galego e a empresa.
    Unha empresa de todas e todos: exposición dos estudos de mercado que teñen en conta o factor da lingua en Galiza, sinalando algúns casos de boas prácticas de uso do noso idioma neste decisivo sector.
  2. Desmontando os prexuízos e as mentiras contra a lingua galega.
    Explicación do que significan os prexuízos lingüísticos, como funcionan e cales son algúns dos principais no caso galego.
  3. Os dereitos lingüísticos
    Que son os dereitos lingüísticos? Hai tratados internacionais que os recoñecen? Estanse a aplicar no caso galego? Que podemos facer?
  4. A historia da lingua desde os comezos da democracia
    Síntese das mudanzas sociais e lexislativas para o idioma galego desde o final do franquismo até a actualidade.
  5. Galiza e as relacións cos países de lingua portuguesa:
    Explicación das dimensións do sistema lingüístico galego-portugués, posibilidades que abre en diferentes ámbitos e que é o que podemos facer para aproveitalas.
  6. A situación do galego no ensino.
    Realizarase unha sintética historia do galego no sistema educativo e comentarase máis polo miúdo a situación actual do noso idioma nos diferentes tramos do ensino.

Duración: 50 minutos.

Dirixido a: grupos dun máximo de 60 persoas de ESO, bacharelato e ciclos.

Espazo: aula con proxector e pantalla.

Formulario de solicitude de inscrición

O TEMPO

Pontevedra, ES
bruma
9.3 ° C
11 °
8 °
93%
2.6kmh
90%
Xov
7 °
Ven
12 °
Sáb
12 °
Dom
11 °
Lun
10 °
X