A época da Restauración

(1875-1900)

Pontevedra experimentou a finais do século XIX unha profunda transformación urbana, que deu lugar a grandes espazos abertos como a Alameda, As Palmeiras, a Estación de Campolongo e a un significativo desenvolvemento das nosas infraestruturas locais.

Aproveitando as vallas que ocultaban as obras do aparcadoiro da Praza de España, en 2009, realizouse unha exposición sobre este período, baixo a coordenación científica do Arquivo Municipal. Neste capítulo recóllese a totalidade deste interesante material de divulgación histórica, para que nos serva para refrescar a memoria do que é esta cidade.

A infraestrutura viaria


Pontevedra chegou á Restauración cunha infraestrutura viaria moi deficiente.

As obras públicas acometidas nesta época tiñan por obxecto mellorar os accesos a cidade.

En 1881 iníciase a reforma da Ponte do Burgo, ensánchase a calzada e substitúese a varanda de pedra por unha de fundición.

A práctica incomunicación coa marxe esquerda da ría (Combarro, Sanxenxo, O Grove) foi a orixe da nova ponte da Barca, substituíndo á primitiva de madeira, por outra de elevadas arquerías de pedra para salvar o caudal do río, xunguidas por un tramo central metálico.

Na mesma banda do río constrúese o malecón Burgo-A Caeira (hoxe Domingo Fontán), a ponte das Correntes (1890) e inícianse as obras de desecación das Xunqueiras.

A comunicación con Marín mellórase coa reconstrución da Ponte Nova e, posteriormente, a construción da ponte das Corbaceiras.

O ensanche


A planificación do ensanche vai supor o maior crecemento urbanístico de Pontevedra durante este período. Realizarase tomando como eixe as estradas a Marín, Vigo, Santiago e Ourense, e vai ocasionar a apertura de novas rúas tal e como hoxe as coñecemos: García Camba, Fernández Villaverde, Andrés Muruais, Cobian Roffignac, Andrés Mellado, Cobián Areal e Sagasta, entre outras.

Un proceso moi lento, que non rematará ata a segunda década do seguinte século.

Arranxos na zona do Campiño


Derrubadas as Torres Arcebispais, situadas na zona comprendida entre Santa María e o consistorio, edifícase o paciño das Mendoza (1878), probabelmente cun proxecto do propio Sesmero, e ábrese a rúa Mestre Mateo.

O Campiño comeza a urbanizarse tamén na mesma época, unha vez derrubada a torre dos Montenegro, situada na cara norte da escalinata ao templo.

Ademais repárase o muro de contención que o separaba da rúa Arcebispo Malvar, que foi coroado cunha varanda de ferro.

O tren


O 15 de xuño de 1884 chega a primeira locomotora a Pontevedra procedente de Redondela, despois da insistencia das distintas corporacións municipais para que a cidade quedara comunicada por ferrocarril.

O Concello aportou gratuitamente os terreos para a construción da estación (próximos á Alameda) e a auga necesaria para o seu funcionamento.

Iniciou tamén os trámites para que a liña férrea continuase cara Carril, tramo que queda inaugurado en 1899.

En 1880, o Concello tamén cede os terreos para a posta en marcha dun tranvía a vapor entre Pontevedra e Marín. En 1887 constrúese a estación nas inmediacións da Capela de San Xosé, actual ubicación do Centro Sociocultural Caixanova.

Modernizar costa


As distintas corporacións municipais emprenden neste período unha nova e ambiciosa política urbanística xunto cunha modernización dos servizos.

Iníciase un proceso de readaptación urbana e mellora das infraestruturas (rehabilítase o casco histórico, planifícase o ensanche, levántanse novos edificios públicos, chega o ferrocarril,…).

Isto vai levar a un aumento dos impostos, o que ocasionará enfrontamentos cos veciños. En 1892 prodúcese unha das maiores protestas populares, protagonizada por pescadeiras e leiteiras polo pago dos «consumos»; dous anos máis tarde, terán lugar os disturbios contra o Imposto de cédulas persoais,… Todo elo provocará un enorme déficit orzamentario, que na práctica derivou nun abandono da escasa política asistencial municipal.

20110922070932_1proxecto-lavadoiro-seca-a-r-sesmero-188120110922070954_39-proxecto-lavadoiro-seca-a-r-sesmero-1881

Novas rúas novas reformas


O arquitecto municipal Sesmero tamén será o encargado de remodelar a vella praza do Peirao, que quedara cortada polo arranxo da actual rúa Arcebispo Malvar, neste intre estrada a Vigo, instalando unha gran fonte de pedra.

A chegada do ferrocarril a Pontevedra suporá a división e perda de identidade do barrio da Moureira; ao mesmo tempo que provocará o nacemento de novas rúas como Alfonso XIII, Colón, Raíña Vitoria e Echegaray.

O Concello cede en 1899 os terreos para a construción da Praza de Touros, coa condición de que os mareantes puidesen seguir secando as súas redes nese lugar; isto supuxo o traslado da Capela de San Roque ao seu emprazamento actual.

Chega a luz


En abril de 1888 realízanse as primeiras probas ante a expectación dos veciños. Na Ferrería colócase unha xigantesca lámpada de catrocentas buxías, que anuncia o inicio da era da electricidade na cidade; inaugurándose en xullo dese ano.

Pontevedra foi a primeira cidade galega en dispor de alumado eléctrico. O progreso asoma na cidade a través da electricidade, abandonándose o antigo sistema de alumado público mediante gas.

En 1887, adxudícaselle este servizo a D. José Riestra, quen instala 300 lámpadas, que a partir das doce da noite reducíanse a 120. A empresa sitúa a central térmica na antiga carnicería municipal, na Praza da Verdura, coroada cunha elevada cheminea de ladrillo.

O depósito de auga de Santo Amaro.

O depósito de auga de Santo Amaro


En 1887 colócanse as primeiras catro fontes de ferro fundido en distintas prazas: Peregrina, San Román (hoxe Curros Enríquez), Praza do Peixe (hoxe Praza da Verdura) e Méndez Núñez (hoxe Praza de Santa María).

Un dos principais problemas da cidade, no último terzo do século XIX, era a escaseza de auga.

Os mananciais naturais e o vello cano de San Mauro resultaban insuficientes, polo que se encarga ao arquitecto municipal Sesmero un proxecto de traída de augas no ano 1883; constrúese un depósito en San Mauro e instálase unha tubería ata a cidade, rematando as obras en 1886.

Unha nova Praza de Abastos


Na acta municipal do 5 de marzo de 1884 pódese ler coma “unha das melloras que máis imperiosamente reclama a poboación é sen dúbida a construción dunha Praza de Abastos que satisfaga os intereses públicos, non só polo que toca a vida e comodidade, senón tamén a hixiene e salubridade”.

Unha demanda que foi satisfeita en 1885, cando se aproba e executa o proxecto encargado a Sesmero dun mercado cuberto. O emprazamento escollido foi o solar ocupado polo vello cárcere, próximo á ponte do Burgo.

O novo camposanto


Sesmero foi o encargado de deseñar o proxecto do cemiterio, que foi inaugurado en 1882.

O actual cemiterio municipal de San Amaro veu substituír ao antigo, que resultaba insuficiente para atender a demanda de nichos; e, ademais, pola súa situación (nun lateral da capela da Virxe do Camiño, entre as rúas hoxe de Benito Corbal, Sagasta e Fray Juan de Navarrete), impedía a expansión natural da cidade.

Aquel novo hospital


O vello hospital de San Xoán de Deus, fundado no século XV, atopábase nun estado tan ruinoso que en repetidas ocasións pensouse en trasladalo a outro edificio público. Finalmente, en 1890, acórdase construír un de nova planta.

Mércanse os terreos situados na parte dereita da estrada de Ourense e comezan as obras, rematándose a primeira fase en 1896. Inaugúrase ao ano seguinte, con D. Anxo Cobián Areal como primeiro director.

Para sufragar os custes desta nova edificación, derrúbase o vello hospital (sito na Praza de Curros Enríquez) coa súa capela e cemiterio adxuntos e véndese o solar resultante a Saturnino Varela.

Pouco despois, en xullo de 1897, varios veciños solicitan permiso para reconstruír a Capela das Ánimas, finalizándose as obras ao ano seguinte.

Os hoteis e o comercio


A chegado do ferrocarril á Praza da Estación propiciou unha nova oferta hoteleira, que ata entón víase reducida ao vello Parador da Ferrería.

Na esquina de Andrés Murais levantouse o “Palace”, na Praza de

San Xosé o “Méndez Núñez” (1888) e o “Progreso” na estrada de Ourense.

A consagración de Pontevedra como centro comercial da comarca deu lugar á aparición de grandes edificios, coma as ferreterías de Varela e Viaño, o edificio de Olmedo ou incluso o balneario do Lérez.

Outros proxectos nunca chegaron a realizarse, a pesares de seren aprobados polo goberno estatal, como o da fábrica de tabacos ou a de azucre.

A Alameda


Unha actuación primordial se desenvolverá sobre o conxunto Alameda-Palmeras.

En 1880 procédese a ampliar a Alameda, instálase un xardín na súa entrada, colócase un estanque circular, fanse obras de pechamento para íllala da Feira do gando, realízase unha nova plantación de árbores traídos de Valencia e péchase cunha varanda de ferro e columnas de pedra.

Urbanízanse dúas novas rúas ao seu redor, a Avenida de Montero Ríos e a rúa Alameda. En 1890 constrúese o primeiro quiosco e en 1904 o palco da música.

As Palmeiras


O conxunto das Palmeiras sofre maiores variacións. Nese momento, no Campo de San Xosé celebrábase a Feira do Gando.

Como non gozaba de espazo suficiente, mércanse terreos a particulares co fin de ensanchala.

En 1881 apróbase a demolición total do antigo convento de San Domingos, que atopábase xa en ruínas. Ante a presión cidadá, acordouse conservar e restaurar as ábsidas, declaradas Monumento Nacional en 1895.

No seu sitio instálanse as Palmeiras. Nos seus redores constrúense o Pazo Provincial, obra de Sesmero e o seu pai Domingo, o grupo escolar e a Escola de Artes e Oficios (últimamente Delegación de Educación).

Ante a crecente urbanización do entorno, a corporación municipal decide trasladar a Feira á praza de Barcelos en 1899.

A Porta da Vila


Neste lugar atopábase a antiga Porta da Vila ou de San Domingos, saída da cidade cara á Moureira. Esta porta xa estaba configurada no SXV, e foi prácticamente derrubada en 1719 por mor do ataque inglés á Vila. Xa case caída, coa axuda dos temporais, o Concello encarga a Antonio de Soto, no ano 1789, o proxecto para a reconstrución desta porta.

Co gallo do derrubamento da muralla nesta zona (1852-1855) a porta tamén se ve afectada, máis debido ao seu interese arquitectónico, decidiuse o traslado ao seu actual emprazamento: na entrada do antigo convento de San Francisco, hoxe Delegación de Facenda, na Ferraría.

Unha nova Casa do Concello


Ante o mal estado no que se atopaban as vellas casas do concello construídas no século XVI, o goberno municipal decide derrubalas en 1877 e edificar o actual consistorio, sobre un proxecto de Sesmero, de marcado carácter francés. Recíbese en 1880 e o seu primeiro cometido foi acoller a Exposición Rexional daquel ano.

No deseño ecléctico deste novo edificio destaca o balcón central, peza clave na arquitectura das casas consistoriais, xunto co remate co reloxo e o escudo da cidade.

20110923100936_ayuntamiento-fototipia-thomas-sepia2

20110923100945_escaleira-interior-sepia

Sesmero tamén deseñou para o seu interior unha escaleira de fundición con dous tiros que se unificaban nun rechán, continuando desde aí cunha rampla común.

Primeiro, dentro da muralla


O primeiro campo de actuación vai ser o interior do recinto amurallado, ensánchanse e paviméntanse gran cantidade de rúas e derrúbanse moitos tramos de soportais.

20110923100910_teatro-principal-sepia20110923100953_praza-do-teucro20110923100959_teatro-interior

Reordénase a zona entre a Alhóndiga e a praza do Teucro. Constrúese o Liceo Casino e despois dun longuísimo período de obras, inaugúrase o Teatro Principal en 1878, no solar onde se erguera a antiga igrexa de San Bartolomeu o vello.

Unha época de cambios


O período coñecido como Restauración, iniciado a raíz do restablecemento da monarquía en 1875, vai propiciar profundas transformacións tanto a nivel estatal como local.

O país, igual ca cidade, divídese entre conservadores e progresistas. Agroma o galeguismo.

Nacen novos partidos políticos. Comeza a efervescencia republicana e o sindicalismo.

20110922070906_0plano-coello20110922070950_0vista-pontevedra

É unha época de profundas transformacións. Moitas necesidades cidadás e poucos servizos públicos (educativos, sanitarios, de beneficencia,…).

Mellóranse as comunicacións e o aspecto medieval da cidade vaise mudando ante a necesidade de contar con espazos para a edificación ou de uso público.

Agroma a economía de servizos


Neste intre os aproximadamente 8.000 habitantes de Pontevedra adicábanse a agricultura, gandaría e pesca; aínda que comeza a agromar a economía de servizos, auspiciada pola condición de capital provincial.

20110922070902_2ferrer-a-1885-copia

20110922070906_2vista-xeral-pontevedra-18-copia

Para facer efectiva a nova política urbanística, a Corporación municipal, presidida polo alcalde Nicolás Feijóo, nomea arquitecto municipal en 1876 a Alejandro Rodríguez Sesmero, quen permanecerá once anos no cargo, facendo realidade os proxectos e desexos da burguesía local.

O TEMPO

Pontevedra, ES
algo de nubes
24 ° C
27 °
22 °
56%
5.1kmh
20%
Sáb
22 °
Dom
25 °
Lun
23 °
Mar
23 °
Mér
22 °
X